Ethel Vázquez chama a que os enxeñeiros de camiños contribúan na posta en valor do territorio

Ethel Vázquez na Coruña
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avogou hoxe por unha maior sensibilidade e implicación para que todos os traballos que levan a cabo os enxeñeiros de camiños incorporen criterios paisaxísticos que os fagan acordes co seu contorno, “para poñer en valor, entre todos, o noso territorio e poñer en valor o voso traballo”, indicou Ethel Vázquez.
Durante a inauguración dos primeiros Encontros da Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, celebrados na Coruña, a conselleira de Infraestruturas puxo de relevo esta tarde o importante labor que os enxeñeiros de camiños, canais e portos realizan día a día para modernizar as infraestruturas galegas e acadar unha maior vertebración do territorio, algo que se traduce, segundo indicou, en darlle máis e mellores servizos aos cidadáns.
A responsable de Infraestruturas felicitou aos enxeñeiros polo seu traballo ao tempo que os animou a sumar o aspecto da “perfecta integración paisaxística de todas as infraestruturas que se deseñen, como o estamos a facer e pedir desde o Goberno galego”.
Na súa intervención, a conselleira destacou a vocación de servizo que leva implícita esta profesión, e o importante papel que desempeñan os enxeñeiros de camiños, canais e portos na transformación e mellora do noso territorio e polo tanto no progreso da nosa sociedade.
Vázquez indicou que a enxeñaría de camiños, canais e portos ten mudado a paisaxe das infraestruturas de Galicia nos últimos anos e contribúe, de xeito determinante, ao desenvolvemento económico e social da comunidade, ao lograr unha maior competitividade con feitos como a posta en marcha do eixe atlántico de alta velocidade e outros tan cruciais para a cidade da Coruña como o Porto Exterior, a EDAR de Bens, a Vía Ártabra, a ampliación de Alfonso Molina ou a Terceira Rolda que recentemente a Xunta puxo en servizo en colaboración co Ministerio de Fomento.
A responsable de Territorio da Xunta de Galicia, que forma parte da primeira promoción de enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, explicou que estes profesionais non só deseñan grandes obras, senón que tamén contribúen a facer unha xestión de servizos máis eficiente, como é o caso do proxecto ideado para que o lago da antiga mina de Meirama garanta o abastecemento de auga a toda a poboación da Coruña e da súa área nos vindeiros anos.











