Estabilizado o incendio do municipio ourensano de Boborás
O incendio que afecta o municipio ourensano de Boborás dende a tarde do luns atópase estabilizado, segundo informaron fontes da Consellería de Medio Rural, que confirmaron que as lapas afectaron a unhas 100 hectáreas. O lume rexistrouse a partir de catro focos diferentes na parroquia de Xurenzás, e o vento e a calor dificultaron os labores de extinción, nos que están a participar 4 técnicos, 11 axentes forestais, 15 brigadas, sete motobombas, dúas pas, tres helicópteros e dous avións.
Ata o lugar tamén se desprazaron uns 60 efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME) con seis motobombas e dúas nodriza.
Sobre a orixe do incendio, especúlase coa posibilidade de que as faíscas dunha freada do tren puidesen ser a causa do lume, e mesmo algúns veciños aseguraron ser testemuñas desa circunstancia, segundo explicou o alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño. “Sería factible, porque os focos estaban ao longo da vía do tren. Pero haberá que esperar a que se investigue ben”, precisou.
RISCO PARA AS CASAS
O rexedor confirmou que, tras horas de traballo, o lume “está practicamente extinguido”, aínda que recoñeceu que todos os efectivos están “expectantes” e “alerta” pola posibilidade de que se reavive algún foco. Esta situación non pode descartarse en absoluto, admitiu, debido ás altas temperaturas que se rexistran na zona, e os veciños “seguen moi preocupados” pola evolución deste incendio nas próximas horas.
Cipriano Caamaño explicou que, nas primeiras horas tras declararse o lume, as lapas se aproximaron a algúns núcleos habitados e houbo dúas casas “con ameaza seria” de resultar afectada. De feito, os seus habitantes foron evacuados, aínda que puideron retornar ás súas vivendas de madrugada.
Do mesmo modo, fontes de Renfe confirmaron que os trens circulan con normalidade pola liña férrea que resultou afectada, e que une Santiago e Ourense con trens de media distancia.
A investigación sobre as causas e orixe do incendio iniciarase en canto se dea por extinguido o lume, e correrá a cargo da Policía Autonómica, en colaboración con técnicos das brigadas forestais.
OUTROS INCENDIOS
Tamén foi dado por estabilizado o incendio rexistrado dende este luns ás 18.07 horas no municipio ourensano de Lobios, na parroquia de Grou.
A superficie considerada provisional é de en torno a 20 hectáreas calcinadas. Nas tarefas de control participan sete axentes forestais, 11 brigadas, nove motobombas e dous helicópteros.
Por outra banda, o incendio rexistrado na parroquia de Anllo, no municipio lucense de Sober, quedou extinguido dende as 13.30 horas deste mediodía, tras iniciarse este luns ás 18.09 horas.
A superficie provisional afectada é de 16 hectáreas, das cales 12 son de arboredo e as catro restantes de raso. Na súa extinción traballaron un técnico, cinco axentes forestais, 11 brigadas, seis motobombas, dúas pas e un avión.