Empresarios e emprendedores galegos aprenden na Coruña técnicas innovadoras para presentarse ante clientes e investidores
Unha trintena de emprendedores e empresarios da provincia da Coruña participaron no taller “Como contar o noso proxecto. Aspectos esenciais a ter en conta”, organizado pola Factoría de Innovación da Coruña, co obxectivo de dar a coñecer os aspectos esenciais a ter en conta para presentar proxectos e ideas de maneira efectiva ante clientes ou posibles investidores.
Durante o encontro, que estivo baseado en actividades dinámicas nas que todos os asistentes interviñeron de maneira activa, Pedro Tasende, de Aporta Comunicación, explicou as claves para aprender a comunicar con eficacia cando temos que falar en público e fixo especial fincapé en puntos como a preparación do discurso, a linguaxe non verbal, a autoconfianza, a naturalidade ou a empatía.
Alicia Jover, de Natural Healing, baseándose na súa experiencia persoal na procura de financiamento, recomendou adecuar a mensaxe ao tipo de investidor ao que se vai a dirixir, crer firmemente no proxecto para poder transmitir con confianza o seu valor, explicar con claridade o que se demanda e apoiar con datos económicos realistas os resultados esperados.
Para pór en práctica as técnicas de presentación máis utilizadas en mundo empresarial actualmente (Elevator Pitch, Storytelling ou Iceberg), cada un dos asistentes tivo 90 segundos para presentar o seu proxecto ante os seus compañeiros, que se encargaron de avaliar todas as intervencións analizando os puntos fortes e os erros cometidos.
Factoría de Innovación da Coruña
A Factoría de Innovación da Coruña é un novo Centro de Excelencia dedicado ao desenvolvemento do potencial innovador das pemes e organizacións empresariais galegas. Promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, esta Factoría ten por obxectivo facilitar ás empresas a posta en marcha de proxectos innovadores, que contribúan a dinamizar a súa actividade empresarial.
Ata o momento, máis de 1.300 empresas e profesionais participaron no seu amplo programa de actividades en aberto e ao redor de 146 pemes e organizacións empresariais beneficiáronse da primeira convocatoria do seu exclusivo programa de adestramento individualizado. Actualmente, está en marcha a segunda convocatoria desta iniciativa na que 60 novas empresas poderán identificar, definir e pór en marcha proxectos innovadores, coa axuda dun coach especializado.











