Emprende-VGA desenvolve un novidoso taller en Vilagarcía de maduración de ideas empresariais
O proxecto Emprende-VGA, promovido polo Concello de Vilagarcía de Arousa, coa organización técnica de DaqueQDalle-Coworking Vilagarcía, entra na súa recta final cunha das experiencias máis novidosas: toda unha semana de “mentoring” para que aqueles que teñan unha idea de negocio teñan a oportunidade de pulir e mellorar a súa iniciativa mediante a mentorización dun ou varios expertos. O prazo de presentación de proxectos a mentorizar está aberto ata o día 3 de xuño. A inscrición, gratuíta, pode facerse a través da propia web do proxecto, www.emprendevga.com. O número máximo de prazas é de 25.
Tras pechar a inscrición, os expertos farán unha selección dos mellores proxectos, que serán mentorizados durante unha semana, entre os días 8 e 13 de xuño. Os organizadores sinalan como principal obxectivo desta actividade o apoio técnico a ideas emprendedoras e empresas recentes, a optimización de procesos, e o refinamento das propostas e dos modelos de negocio.
Como remate final do Emprende VGA, o día 15 haberá unha xornada no auditorio municipal no que todos os participantes no mentoring terán un espazo propio no que poidan presentar os seus proxectos (“elevator pitch”) diante de persoas relevantes (inversores, financiadores, mentores, etc.).
Listas de espera de máis do 50%
Ao longo das últimas semanas Emprende VGA deu formación a varios centos de persoas a través de múltiples actividades formativas. Nalgunhas delas, como “E-commerce. Como vender en internet”, “Novas fórmulas de monetizar os negocios”, “E ti qué vendes?. Habilidades comerciais para emprender”, ou “As redes sociais na empresa” o número de persoas anotadas nas listas de espera superaron o 50% respecto das prazas totais (25 inscritos por acto), o que dá unha idea da boa acollida deste programa municipal de emprendemento.











