publicidade hoxe

Eliseo Parra será o encargado de pechar os concertos da Rede de Músicas Soltas en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Rede de Músicas Soltas, organizada pola Concellaría de Cultura e mais a Central Folque, remata este sábado, 20 de xuño, co concerto de ELISEO PARRA. Este ciclo desenvolveuse en Redondela de xaneiro a xuño, nunha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, en formato próximo e acústico.

O concerto de peche da RMS 2015 en Redondela achega ao auditorio da Xunqueira un concerto excepcional dun dos grandes nomes do novo folk castelán, Eliseo Parra, que conxuga a veteranía coas creacións innovadoras.

Eliseo Parra, nacido na Ribeira do Douro un mes antes da década dos 50, desde neno empezou a mostrar gran afección, primeiro polo baile e máis tarde polo cante.

Aos 14 anos de idade a familia emigra a Barcelona e é alí onde, sen querelo, convértese en músico profesional aos 18 anos e estudante libre no Conservatorio Municipal.

Case desde o principio foi batería-cantante en bandas de rock. Naquela gran Barcelona do setenta, acompañou en directo ou en disco a Ovidi Montllor, Gato Pérez, María del Mar Bonet, Marina Rossell ou Al Tall, entre outros.

Nesta época empeza a abandonar a batería para centrarse máis no canto e na percusión menor e traballou como cantante de salsa de orquestras.

En 1983, trasládase a Madrid co grupo de música tradicional Mosaico; dous discos foron froito daquela unión: Homenaje a Agapito Marazuela (1984) e De raíz (1985).

Ao desfacerse o grupo, traballa con Elisa Serna, Angelo Carril, María Salgado e moitos máis de toda índole.

Percorreu medio mundo actuando coa súa magnífica e fiel banda, e colaborou con gran parte dos grupos de recreación tradicional da Península. Realizou traballos de campo por boa parte de España xunto a José Manuel Frade e colaborou nos libros e discos de recompilación deste, como transcritor musical.

Entre as súas composicións cómpre salientar tamén o seu Suite Romance, que estreou o Ballet Nacional e a Orquestra Sinfónica de Madrid, e o seu traballo como músico e actor para a Compañía Nacional de Teatro Clásico na obra de Lope de Vega: Peribáñez y el Comendador de Ocaña.

Desenvolve ademais un fructífero labor docente dende hai seis anos como profesor de percusión e canto tradicional.

O concerto celebrarase o sábado 20 de xuño, ás 21.00 h, no auditorio da Xunqueira.

O prezo das entradas é 3 €, e poderanse adquirir dende o xoves.

17 de xuño de 2015 | 10:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.