Eimantas Bendzius afirma que “a liga Endesa é o maior reto da miña carreira”
O Rio Natura Monbus Obradoiro presentou hoxe ao novo xogador do club, Eimantas Bendzius, nas instalacións do Hotel Pazo de Altamira, membro do Club de Empresas Obradoiro. Queco Arias, socio do hotel, deu a benvida ao lituano que militará no club santiagués durante as dúas próximas campañas.
Bendzius presentouse declarando coñecer xa algo da cidade e da afección obradoirista, “que me mandou mensaxes de ánimo dicíndome que confiaban en min desde xa mesmo, o cal agradezo moito”. Chega co obxectivo de “mellorar pequenos detalles día a día para logo poder pensar en retos cada vez maiores. A liga Endesa é o maior reto da miña carreira”. O beirado, que séntese “cómodo xogando en varias posicións, polo que estarei na que os adestradores me pidan e a situación o requira”, lucirá o dorsal número 22.
Acto seguido, Javier González, director xerente do Grupo Cenor e conselleiro obradoirista, fixo repaso á carreira do mozo xogador: “Procede do Trefl Sopot, co que promediou esta campaña na liga Polaca 14.3 puntos e 4.8 rebotes en 27 minutos. Anteriormente militara en varios equipos do seu país: Lietuvos Rytas (2012-2014), Pieno Zvaigzdes (2011-2012) e Perlas Vilnius (2008-2011)”, explicou. O tirador tamén foi internacional coas categorías U19 e U20 do seu país, e “estamos seguros de que agora que está no Rio Natura Monbus Obradoiro o será tamén coa Selección Absoluta”, concluíu González.
Pola súa banda, José Luís Mateo, director xeral do club, explicou que o motivo definitivo para a incorporación do beirado foi “a capacidade de facerse a si mesmo, buscando o seu lugar na liga Polaca e aceptando agora o reto da liga Endesa con moita ilusión”. Mateo tamén falou da súa “polivalencia, actividade e lanzamento exterior, todo iso nun físico de máis de dous metros. O seu impacto dependerá principalmente da súa mentalidade e da súa capacidade de adaptación”.











