Deteñen a un veciño de Vigo por agredir cun cinto ao seu fillo de 14 anos
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar a un veciño da cidade de 49 anos e nacionalidade chinesa por supostamente agredir o seu fillo de 14 anos cun cinto. Tal e como informou a Policía Local, os feitos aconteceron ás 23,15 horas deste luns, cando recibiron o aviso duns veciños para que acudisen a un domicilio da zona centro, onde nunha das vivendas escoitaban golpes como dun cinto e a unha persoa chorando.
Unha patrulla desprazouse ata o lugar, onde se entrevistaron cos moradores da vivenda, un home, a súa esposa e os seus dous fillos – un deles menor de idade de 14 anos-. O rapaz atopábase no chan do corredor chorando e presentaba erosións nas pernas, e manifestou que fora o seu pai o que o agredira. Por iso, os axentes procederon a deter o home, de 49 anos e nacionalidade chinesa, C.H.Z., por un suposto delito de violencia no ámbito familiar.











