Democracia Ourensana asegura que os seus oito edís votarán a Pérez Jácome para a alcaldía
Democracia Ourensana (DO) asegurou que os seus oito concelleiros votarán a Gonzalo Pérez Jácome para a alcaldía, na sesión constitutiva do novo goberno municipal do sábado día 13 ás 11,00 horas, o que facilitaría que fose do PP con minoría de edís. Dende os comicios municipais, nos que DO obtivo oito edís, o PP 10, PSOE seis e a marea cidadá Ourense en Común outros tres, o líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, ofreceu pactar “con calquera” con tal de conseguir a alcaldía, aínda que fose durante unha parte da próxima lexislatura.
Con todo, unicamente se contemplaba un posible acordo co PP ou co PSOE, por ter así os votos suficientes para lograr a maioría absoluta.
Tanto o cabeza de lista do PP, Jesús Vázquez, como o do PSOE, José Ángel Vázquez Barquero, mantiveron ata este mesmo xoves, segundo confirmaron, a súa intención de votarse a si mesmos.
O mesmo acordou a asemblea do mércores de Ourense en Común, onde se decidiu que os tres edís de OuC votarán á súa cabeza de lista Miguel Doval.
Agora DO, nun comunicado, di “confirmar” que o día 13, os seus 8 edís votarán a Pérez Jácome como candidato á alcaldía de Ourense, “despexando así calquera outra especulación”, tras varios días nos que o propio Jácome dixo e reiterou que seguiría calquera estratexia que, segundo os seus cálculos matemáticos, lle permitise ocupar a alcaldía.
APELA A PSOE E A OuC
A nota de prensa reitera outras afirmacións de Jácome como que o cambio na cidade “pasa unicamente” por un goberno encabezado por el mesmo e o seu “partido revelación”, que “abandeira a innovación política”.
Di deixar así “en mans do PSOE a elección do alcalde” e resalta que recae “neles toda a responsabilidade de dar ou non a alcaldía ao PP”. Jácome afirmou, tamén días pasados, gardar “áses” para o día 13, e no seu comunicado apela a PSOE e a OuC “para que voten a un partido distinto” ao PP, do que “renegaron ideoloxicamente”.
Recorda a ambos os dous partidos que a “inutilidade aritmética” de votarse a si mesmos sería de feito unha “abstención” e polo tanto “a lombeirada para que o PP tome a alcaldía de Ourense, a única de Galicia.
Tamén argumenta que sería “inédito” en España o caso de Ourense “por ser a única cidade onde goberne o PP coa conivencia da esquerda”.
REGULAMENTO PROPIO
Os preparativos para a sesión do día 13 na que se constituirá o próximo goberno local de Ourense comezaron con limpeza dunha parte do edificio consistorial e a posta a punto da normativa e requisitos previos na secretaría xeral do concello.
Alí, o secretario conta xa con case todas as declaracións de patrimonio e bens dos próximos 27 concelleiros que tomarán posesión o sábado ante unha mesa presidida polo de maior idade, que será Domingo Castro, de DO.
O regulamento, no caso do Concello de Ourense, obriga a elixir o alcalde nunha votación secreta, en urna, para a que cada edil terá unha papeleta dispoñible, co nome de cada un dos candidatos, que son Vázquez Abad, polo PP; Pérez Jácome, por DO; Vázquez Barquero, polo PSOE; e Doval Garza, por OuC.
De confirmarse o anunciado este xoves por DO, ningún deles obterá votos abondos para ostentar a maioría absoluta, polo que será proclamado alcalde electo o que encabece a lista máis votada nos comicios do domingo 24 de maio, é dicir, o popular Jesús Vázquez Abad.
A normativa local que regula a sesión será detallada polo secretario municipal ao inicio do pleno de constitución, previsto para as 11,00 horas. A mesma sesión, en horas variadas, se celebrará en todos os municipios, ademais da entidade menor de Berán, da provincia de Ourense.











