Decenas de grupos botaranse ás rúas vilagarciáns este domingo para celebrar a Festa da Música
O domingo, 21 de xuño, comeza oficialmente o verán e esta é tamén a data elixida mundialmente para celebrar o Día da Música. Vilagarcía súmase a esta cita internacional por sexto ano consecutivo da man do grupo “Airiños” en colaboración co Concello. A responsable de Cultura, Sonia Outón e dúas das organizadoras, Marosa Abalo e Milagros Cuervo, presentaron esta mañá o evento no que participarán decenas de formacións musicais, corais e de baile do municipio e que está aberta a calquera que desexe saír ás rúas a tocar, cantar, bailar ou simplemente gozar como espectador.
A concelleira de Cultura aplaudiu a iniciativa que tiveron no ano 2010 os ex integrantes do mítico grupo “Airiños” para sumarse ás cidades de España, Europa e do resto do mundo que xa viñan conmemorando o Día Internacional da Música dende que se creara en Francia en 1980 a Fete de la Musique. Para Outón, esta celebración que porá o fío musical en todas as rúas da cidade o domingo, contribúe a incrementar a afección á música, a nivel de intérprete, compositor ou cantante, e tamén a fomentar o pracer de gozar dela como espectador. Ademais, apuntou, “levar á música ás rúas permite aos grupos e colectivos darse a coñecer e anima a outros a entrar no mundo musical, ademais do luxo que supón para o público poder presenciar estes concertos gratuítos e altruístas”.
O programa da Festa da Música de Vilagarcía deste ano amplía a actividade tradicional da tarde-noite con actuacións matutinas xa que a xornada dominical permite unha maior dispoñibilidade horaria que outros anos nos que coincidiu en día laborable.
Dende ás doce do mediodía e ata as dúas da tarde, calquera que pasee pola cidade atoparase cunha actuación nas principais rúas e prazas. Rey Daviña, Praza de Galicia, A Baldosa e a Alameda son os escenarios elixidos para as intervencións dos grupos de estilo máis folk ou tradicional como A Nosa Señora da Xunqueira, Embruxo, Nós, Xeada, Abeloura e Treboada, Cantigas, O Castro e Airiños.
A tarde-noite chega con ritmos e sons diferentes coas actuacións dos grupos musicais e de danza Lendaira, Undergoung, Gato Negro, Escola de Baile Begoña Fontán, Voces Amigas, Xóvenes Mulleres Anduriña, Zumba Fitness Pes de Barro e Perla de Arousa. Ademais, este ano a Festa da Música de Vilagarcía da un paso á internacionalidade coa participación do grupo portugués Abassà Dênde Maruô.
Os escenarios elixidos para estas actuacións van dende a Alameda, A Peixería e Rey Daviña ata a rúa Castelao pu a Praza de Galicia.
O mellor escaparate musical
Marosa Abalo advertiu que, a maiores dos grupos que confirmaron a súa participación e que constan no programa, hai outros que se sumarán ás actividades da Festa da Música saíndo ás rúas pola súa propia conta, seguindo o espírito que se trata de promover nesta celebración que leva por lema “Música para todos”. De feito as organizadoras animan a todo o que queira a botarse a rúa a tocar e cantar.
Abalo tamén comentou que, ademais de tratarse dunha festa moi alegre, “varios grupos foron contratados para actuacións posteriores despois de que foran vistos na Festa da Música”. Pola súa banda, Milagros Cuervo incidiu en que esta é unha festa na que teñen cabida todo tipo persoas. Está aberta a profesionais pero, especialmente aos numerosos afeccionados á música que temos en Vilagarcía e que converten ao noso municipio nunha das cidades máis activas e con maior número de colectivos musicais por habitante.
As organizadoras da Festa da Música queren que o evento de Vilagarcía traspase fronteiras, que chegue a todas partes do mundo a través de Internet e as redes sociais. De feito xa hai tempo que ao teclear “Festa da Música” en Google, Vilagarcía ocupa un lugar prominente.
Dentro desta liña, a organización pretende que a xornada do domingo podida verse e escoitarse en todo o mundo, por iso contan coa colaboración de ArosaTV e do Fotógrafo José Luiz Oubiña para recoller en imaxes e audiovisuais os mellores momentos da celebración para despois penduralos na web e no Facebook da “Fiesta de la Música de Vilagarcía de Arousa”.
Ademais, invitan a todo o que o desexe a facer as súas propias fotos e a compartilas nas contas sociais do evento.











