publicidade hoxe

Curtis reúne a gandeiros e alcaldes dos municipios afectados para pechar un documento coas demandas do sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArangaCurtisGuitirizLocal PortadaMesíaSobradoVilasantar
A-
A+
Reunión mantida en Curtis

Reunión mantida en Curtis

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, reuniuse esta tarde con membros da directiva da cooperativa San Cidre, que agrupa a 69 socios de explotacións gandeiras dos municipios de Curtis, Aranga, Vilasantar, Sobrado e Guitiriz, e que conta entre os seus membros con varios afectados pola paralización da recollida de leite por parte da empresa Leite Río. San Cidre é unha das cooperativas máis fortes da comarca cunha venda de 1.200.000 litros mensuais de leite. O rexedor, acompañado de Antonio Fraga, primeiro tenente de alcalde, e o concelleiro de Medio Rural, Alfonso Gómez, analizaron a situación coas cooperativas e estudaron medidas de actuación para resolver esta nova crise do sector lácteo.

Tras a reunión, o alcalde anunciou que as demandas postas sobre a mesa recolleranse nun documento de apoio que asinarán os rexedores das localidades dos gandeiros afectados, Curtis, Aranga, Vilasantar, Mesía e Sobrado, que foron convocados xunto aos gandeiros a unha reunión para pechar este acordo mañá pola mañá en Teixeiro. Javier Caínzos sostivo que “adoptaremos todas as medidas que consideremos necesarias para apoiar aos nosos gandeiros xa que as manifestacións permiten presionar, e aí estivemos todos, pero non serven de nada senón actuamos para que enseguida se restableza a recollida do leite”. 

O documento conxunto será remitido ao presidente da Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura, seguindo, ademais, a resolución aprobada no Pleno de Curtis o pasado mes de abril, na que xa se lles instaba a adoptar medidas para reconducir a débil situación deste sector en temas transcendentais para a súa subsistencia como a consecución dun prezo axustado, razoable e xusto polo leite, así como que se lles garanta a recollida da produción unha vez finalizado o período de cotas. 

O Goberno local curtiense manifestou unha vez máis a súa total disposición a atender e defender un sector que sustenta a decenas de familias e que é vital para a economía do municipio e da comarca. Só no concello curtiense, das 221 explotacións gandeiras, 117 son lácteas.

29 de xuño de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.