publicidade hoxe

Cultura destina 135.000 euros á reparación da igrexa do Mosteiro da Madalena en Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se licita a contratación da obra de reparación interior da igrexa do mosteiro da Madalena en Sarria, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Estas novas actuacións centraranse no picado e eliminación do revestimento de cal sobre a parte inferior dos paramentos verticais para, con posterioridade, aplicar un novo revoco e pintura de cal. Eliminaranse ademais as xuntas de morteiro de cemento existentes na fábrica de pedra e rexuntalas con morteiro de cal. Abordaranse tamén tarefas de limpeza de elementos singulares de pedra, a substitución de pavimentos de granito en zoas puntuais e a realización dunha nova instalación eléctrica na nave principal e lateral, que supón unha reordenación do sistema de iluminación e a incorporación da tecnoloxía LED.

Ditos traballos supoñen un investimento de 138.085,05 euros, o que eleva a un total de 207.820,57 euros o aportado pola Consellería nestes últimos dous anos e pon de manifesto a preocupación da Xunta de Galicia pola rehabilitación e conservación do patrimonio cultural galego.

Unha construción histórica

Cómpre sinalar o significado desta igrexa, que conserva na súa ábsida e na porta de acceso ao claustro os últimos vestixios da época de fundación do mosteiro, no século XII por relixiosos da “Congregación da Penitencia dos Mártires de Cristo” chegados dende Italia e de orixe románica. A maior parte das súas estruturas son góticas, cunha fachada deste estilo e con elementos manuelinos que indican unha relación con Portugal.

9 de xuño de 2015 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.