Cuíña reivindica o potencial gandeiro de Lalín en Feiradeza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
O alcalde de Lalín na inauguración de Feiradeza

O alcalde de Lalín na inauguración de Feiradeza

O rexedor salientou a calidade da cabana gandeira e o “bo traballo” dos gandeiros da zona. Claudia, da gandeiría cruceña Manteiga, foi elexida Xovenca Gran Campiona de Feiradeza 2015. Miguel Rial gañou o concurso de novos manexadores.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, inaugurou esta tarde, acompañado polo concelleiro de Gandeiría, Xosé Manuel Hermida, o de Rural, Miguel Medela e o tenente alcalde, Nicolás González Casares, a 31ª edición de Feiradeza e o 21ª Subasta e Concurso Morfolóxico da Raza Frisona, na que participan 104 animais de 18 gandeirías. No acto de apertura, o rexedor reivindicou o potencial gandeiro da comarca e, en especial de Lalín, cualificando ao sector como “estratéxico e eixo económico de vital importancia”. Así mesmo, volveu falar sobre a profunda crise de prezos que sofre o sector lácteo, indicando o “total compromiso do novo goberno cos gandeiros”. Por outra parte, Cuíña puxo de relevo a Feiradeza como un dos certames gandeiros máis importantes de Galicia. Indicou que “se reforzará en anos vindeiros, para que siga funcionando como o escaparate no que mostrar a calidade do noso gando e o bo traballo dos nosos gandeiros”.

Tras a inauguración de Feiradeza 2015, deron comezo os desfiles do 21º Concurso Morfolóxico. No día de hoxe celebráronse as competicións de xatas e xovencas. Despois de 8 seccións nas que foron saíndo á pista os animais en función da idade, o xuíz cántabro Roberto Saiz nomeu como Xata Gran Campiona de Feiradeza 2015 a Manteiga Airlift Claudia, da gandeiría cruceña Manteiga. Esta xata impúxose na gran final á subcampiona, Midón Fever Chavela, de Gandeiría Midón, da parroquia lalinense de Gresande. O xuíz destacou a “magnífica calidade” de todos os animais que saíron á pista durante a tarde de hoxe, non obstante, distinguíu as excepcionais condicións das xovencas campiona e subcampiona, cualificándoas como “as vacas que todo gandeiro desexa na súa explotación”.

Tras finalizar a competición morfolóxica, tomou paso o certame de novos manexadores, organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Nesta competición, os que serán futuros gandeiros, deben mostrar as súas dotes na presentación do animal en pista. Houbo 4 seccións. A primeira acolleu aos mozos de entre 21 e 30 anos na que gañou Miguel Rial seguido por Alberto Iglesias e Rocío Manteiga. Na segunda desfilaron os rapeces de entre 16 e 20 anos, ocupando os tres primeiros postos, Avelino Souto, María Manteiga e Manuel Corral. Na sección de entre 11 e 16 anos impúxose Brais Oro, quedou segundo Abel Carballo e terceiro Adrían Diéguez. Finalmente, os dous primeiros clasificados de cada proba competiron entre eles para decidir o mellor novo manexador de Feiradeza 2015, que acabou sendo Miguel Rial, quedando en segundo posto Avelino Souto.

Mañá ás 10.30 continuarán os actos, dando paso ao concurso de vacas adultas de leite e campionatos de criadores. Así mesmo, celebrarase a VII Poxa de Gando Frisón ás 13.15 e os sorteos e entrega de premios ás 14.00. Finalmente, Feiradeza será clausurado cun xantar ás 14.30 horas.

27 de xuño de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.