Cuíña convida aos empresarios a concienciar aos seus traballadores da importancia de empadroarse en Lalín

Rafael Cuíña na reunión con empresarios na Aedeza
O alcalde alerta das graves consecuencias económicas e sociais que tería para o concello baixar dos 20.000 habitantes. O INE estima que a final de ano Lalín estará en 19.882 empadroados. Cuíña empraza aos empresarios a unha asemblea para poñer enriba da mesa as posibles medidas para fixar poboación.
Rafael Cuíña segue a recabar apoios para que Lalín manteña a categoría dos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Consciente de que este é un gran obxectivo común e que precisa da implicación de todos, o rexedor convidou aos empresarios do municipio a que fagan “pedagoxía entre os seus empregados para conciencialos da importancia de estaren censados en Lalín”.
As estimacións do Instituto Nacional de Estadística (INE) indican que a día de hoxe Lalín estaría xa en 19.918 habitantes. A proxección é incluso máis dramática de cara ao final de ano, cando o INE prevé unha poboación de 19.882 persoas.
“É un tema que me ten fondamente preocupado porque as consecuencias para o municipio poden ser moi graves, pero eu non me vou a render e non vou dar por perdida a categoría”, afirmou ante a directiva da asociación AEDEZA. Porén, Rafael Cuíña recoñeceu que a solución é complicada porque “por cada alta no padrón municipal se producen tres baixas”.
A crise demográfica é unha das principais causas deste problema, pero tamén hai moita xente que traballa e vive en Lalín malia estar censada noutros municipios. “É a estes aos que temos que dirixirnos e conciencialos da importancia de que se empadroen no noso concello”, afirmou Cuíña. O alcalde insistiu, iso si, en que “non se trata de presionar a ninguén, senón de facer pedagoxía”.
Os membros da directiva de AEDEZA, que comparten a preocupación do alcalde, amosaron unha absoluta receptividade á súa petición e comprometéronse a colaborar e analizar as iniciativas que se poden artellar para fomentar o empadroamento. O alcalde emprazounos a unha asemblea, antes das festas, para “poñer enriba da mesa o que suporía a perda de categoría, pero sobre todo para estudar as posibles medidas conxuntas que “permitan fixar poboación no concello”.
Rafael Cuíña tamén ten previsto manter nos próximas días unha reunión cos sindicatos para pedir a súa implicación na procura de solucións.











