Cruz Vermella da Coruña convoca cursos de socorrismo homologados pola Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A partir de setembro, calquera persoa que queira traballar como socorrista poderá  obter un certificado de profesionalidade no Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña. Trátase dos primeiros cursos con convocatoria aberta que contarán co certificado de profesionalidade da Xunta de Galicia desde o cambio de normativa de 2012 que obriga a todos os socorristas que traballan na comunidade autónoma a homologar a súa formación.

O curso completo de socorrismo en instalacións consta de 370 horas de teoría e práctica no que se darán técnicas de natación, primeiros auxilios, prevención de accidentes e rescate de accidentados, ademais de prácticas non laborais en instalacións; no caso de socorrismo en espazos naturais, o curso ten unha duración de 420 horas. Os módulos de natación e de primeiros auxilios son transversais aos dous Certificados, polo que unha vez cursados pódense convalidar.

O obxectivo do cambio normativo é homoxeneizar a formación dos socorristas que traballan en praias e piscinas de Galicia, dado que actualmente conviven profesionais formados en cursos de fin de semana con outros de máis duración. Desde entón tan só se programaron algúns cursos para persoas desempregadas, pero desde o mes de abril Cruz Vermella imparte esta formación homologada de maneira aberta á poboación en xeral.

Actualmente, ao redor de 3.700 persoas están inscritas no rexistro autonómico de socorristas, pero en 2017 xa non será posible figurar neste rexistro sen unha formación homologada.“Cada vez máis, as persoas buscan formación como socorrista de instalacións acuáticas xa que, aínda que en Galicia contamos con 772 praias, esta formación proporciónalles emprego durante todo o ano”, afirma Cibrán Vázquez, Director do Centro de Formación.

Certificados de Profesionalidade

Os cambios de normativa da Xunta e a vocación de Cruz Vermella de apoiar ás persoas na procura dun emprego, impulsou ao seu Centro e Formación a programar cursos con Certificado de Profesionalidade. Trátase de formacións orientadas ao emprego con carácter oficial e validez en toda a Unión Europea. Son expedidos polo Servizo de Emprego Públo Estatal (SEPE) e os órganos competentes das diferentes Comunidades Autónomas e impartidos unicamente por entidades homologadas. Así, Cruz Vermella impartirá formación certificada nas súas áreas de coñecemento, tales como emerxencias ou atención sociosanitaria, docencia, mediación comunitaria, información xuvenil e lecer e tempo libre, ademais dos citados cursos de socorrismo.

 

17 de xuño de 2015 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.