publicidade hoxe

Continúa aberto o prazo para adquirir as entradas para a comida de confraternidade da festa do Viño Tinto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

Amplíase o prazo para comprar as entradas para acudir á tradicional comida de confraternidade da Festa do Viño Tinto do Salnés, que terá lugar o vindeiro sábado 6 de xuño ás 14:30 horas. As persoas interesadas en participar poden atopalas nos lugares de costume en Barrantes, nas sucursais de ABanca, Banco Santander e Banco Pastor, así como na cafetería Che e en Comercial Piris. Estarán á venda ata o xoves nos bancos, xa que o venres é festivo local, e nos bares ata o mesmo día da comida.

A comida celébrase o sábado 6 de xuño no pavillón de Barrantes, con capacidade para aproximadamente 750 comensais. O prezo do cuberto é de 25 euros e o menú está composto por polbo, empanada, carne ao caldeiro, viño tinto e fresas ao viño. Durante esta comida daranse a coñecer os nomes dos mellores colleiteiros de viño autóctono e da variedade Tinto de Barrantes da tempada, así como os gañadores do concurso de camisetas deste ano.

Concurso de camisetas

Por outro lado, amplíase o prazo para presentar as camisetas para o concurso tradicional. Coma  cada ano, premiarase a orixinalidade no deseño que mellor conmemore a festa local.

Entre os mellores deseños, repartiranse 350 euros: 200 para o primeiro, 100 para o segundo premio e 50 no caso do terceiro. Para participar, cada peña deberá presentar o seu deseño no Concello de Ribadumia. Os premios entregaranse o sábado 6 de xuño, ás 17:30 horas no Pavillón de Barrantes.

Remata o prazo para a BTTinto

A organización da IV BTTinto deste ano xa está chegando ó seu fin, e para ter todo preparado antes da celebración –este ano o domingo 7 de xuño- as inscricións rematan este mércores 3 de xuño.

Ata o de agora, xa van máis de 2.000 inscricións dende que comezou o prazo, pero os interesados aínda teñen ata o día 3 para poder participar nunha das rutas máis importantes do panorama autonómico. A pesar de levar tan só catro anos celebrándose, a BTTinto xa se está a consolidar como unha das BTT máis importantes de Galicia e está a acadar cada vez máis prestixio no panorama nacional.

Cada edición, a organización sorprende con algunha novidade, e este ano chega coa integración dunha carreira de montaña –trail de montaña– que supoñen unha proba moi atractiva e que se atopan en auxe en todo o panorama nacional.

Como en edicións anteriores, celebrarase a proba principal de Mountain Bike, de 49 km de recorrido e coa alternativa dos 33 km de ruta para as persoas que queiran disfrutar dun contacto directo coa natureza e coa riqueza patrimonial de Ribadumia e de Meis nunha proba menos esixente. A ruta percorre lugares de gran atractivo, coma é o monte do Castrove con vistas panorámicas da ría, muíños, mosteiros e bosques de gran beleza. 

Coma en edicións anteriores tamén haberá unha ruta de sendeirismo de 20 km de recorrido e unha proba combinada de 35 km a bicicleta e 20 km de carreira a pe.

A entrega de premios estará presidida pola alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, o domingo ás 14:00 horas na Praza do Concello. 

1 de xuño de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.