Conde destaca o sector contract como piar da marca Galicia en todo o mundo

Intervención de Francisco Conde. Foto: A. Dalmau
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe ao sector contract galego como piar da Marca Galicia en todo o mundo, e destacou o apoio da Xunta para consolidalo entre os líderes mundiais. Conde inaugurou na Roca Gallery de Barcelona a xornada ‘Contract Galicia: visión e resposta global en proxectos internacionais’, na que participan 14 empresas galegas e que se encadra dentro dunha serie de encontros e feiras organizadas pola Xunta para promocionar o traballo das compañías galegas, e facilitar o contacto con clientes e prescriptores. O sector contract céntrase na distribución e instalación de produtos de arquitectura e decoración en establecementos comerciais, hoteis e oficinas corporativas. Abrangue eidos como o moble, iluminación, téxtil, azulexos e outros revestimentos cerámicos, pedra, e manufacturas en madeira.
Conde subliñou durante o encontro que a facturación internacional das empresas do sector contract en Galicia supera en moitas ocasións o 70% do total, e esa vocación internacional ten configurado a estas compañías como unha das razóns para que Galicia batese en 2013 e 2014 os seus rércords de exportacións, balanza comercial e taxa de cobertura, primeiro, e de empresas exportadoras regulares, despois. Neste senso, o conselleiro lembrou que o sector ten levado a cabo proxectos en máis de 600 cidades de todo o mundo, con clientes que van desde dende Inditex a Audi, os Hoteis Ritz, Chanel, Nespresso, BP, Samsung ou KPMG.
“A confianza que esas marcas poñen en Galicia é mostra de saber facer dos nosos empresarios”, dixo Conde, que resaltou que foron capaces de crear “empresas altamente competitivas, que están a desenvolver innovacións que foron premiadas globalmente”, acadando dende o pavimento técnico máis plano do mundo ata sistemas de iluminación punteiros premiados en feiras internacionais como na HD Expo de Las Vegas.
Conde refrendou o compromiso da Xunta con esa expansión internacional, e recordou que o Goberno galego ten multiplicado por cinco, dende 2009, os recursos anuais dedicados a apoiar a internacionalización, ata alcanzar os 25 millóns a partir deste mesmo ano. Un apoio internacional que, no ámbito do sector contract, se ten concretado en diversas iniciativas. Neste senso, Conde resaltou o papel da Xunta na identificación de oportunidades en todo o mundo tanto para a entrada en novos mercados coma para a consecución de novos contratos, definindo previamente mercados potencialmente atractivos, como Angola, México, Panamá, Colombia, Perú, Brasil, Cabo Verde, Mozambique e Cuba.
Ademais, o conselleiro resaltou o traballo do Goberno galego como axente comercial nas súas viaxes internacionais, e o apoio á saída de grupos de empresas ao exterior a través do Plan Primex, co que se teñen avalado proxectos cooperativos en países como Colombia, Brasil e Panamá. Tamén destacou especialmente o desenvolvemento de encontros sectoriais como as catro Semanas Internacionais da Canle Contract organizadas ata agora, ás que se sumará este ano unha quinta edición en setembro. Dentro destes encontros sectoriais destacan as xornadas levadas a cabo por España e o estranxeiro en puntos clave do contract; a elección para a xornada de hoxe de Barcelona, como foco fundamental do sector contract en España, responde a ese criterio. O encontro na cidade condal se leva a cabo no marco dun acordo con Roca, permitirá celebrar novas xornadas en outras Roca Gallery repartidas polo mundo, como a de Shanghai, onde se levará a cabo un encontro en novembro.
Dentro da estratexia de apoio a esta entrada noutros mercados, Conde subliñou por último que o sector Contract contará cun plan específico dentro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, “a través da que estamos a realizar plans de internacionalización adaptados ás necesidades de cada sector”.
Estes apoios, que reforzan as principais oportunidades das compañías dedicadas ao contract, están ademais a complementarse cunha resposta clara a outros retos do sector, como a necesidade das empresas de gañar tamaño, de diversificar clientes, ou de fomentar aínda máis a cooperación e a flexibilidade da súa produción.
Para iso, afirmou Conde, o Goberno galego está a traballar en mellorar as accións de mercadotecnia e comunicación especializada cara aos diferentes operadores, para xerar novos clientes e prescriptores, e evitar unha dependencia excesiva dun só; a impulsar apoios financeiros claves ás empresas do sector tanto en forma de avais coma de apoio a investimentos, para fixar tecido industrial e fomentar a flexibilidade na produción; e a desenvolver modelos cooperativos que permitan ás empresas contract traballar xuntas para desenvolver proxectos de I+D+i, colaborando cos centros tecnolóxicos da madeira, o granito e a lousa.











