Conde destaca o papel das distribuidoras eléctricas galegas para impulsar a innovación tecnolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde no Congreso de CIDE. Foto: M. Fuentes

Francisco Conde no Congreso de CIDE. Foto: M. Fuentes

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o papel das 27 pequenas e medianas distribuidoras eléctricas galegas para impulsar a innovación tecnolóxica e achegar a enerxía “ata o último canto de Galicia”, achegando a conexión á rede en lugares afastados do rural aos que non chegan as grandes empresas, de forma que “o conxunto dos cidadáns galegos poidan acceder a un servizo do calidade”. Conde participou no congreso nacional anual da asociación de pequenas empresas distribuidoras, comercializadoras e produtoras de enerxía eléctrica en España, CIDE, e defendeu os valores compartidos entre a Xunta e CIDE para apostar pola innovación, a cooperación e a articulación do territorio como piares do sistema eléctrico.

No eido innovador, Conde destacou como exemplo desa aposta por parte de CIDE a posta en marcha dun novo sistema de telexestión que permitirá ás distribuidoras xestionar a situación de cada fogar de maneira masiva e remota, un paso clave cara o novo escenario de contadores intelixentes e cambios na facturación. O valor da innovación enerxética, sinalou, é compartido polo Goberno galego, que está a impulsar iniciativas de renovación do noso sistema eléctrico. Neste senso, resaltou o traballo da Xunta a partir de proxectos como novas subestacións de última xeración para garantir unha subministración eficaz, ou a aposta polas smart grids -as redes intelixentes de distribución de enerxía eléctrica-, claves no impulso á eficiencia enerxética e que a Xunta está a impulsar como un paso necesario de cara á Industria 4.0.

Iniciativas ás que se suma a aposta do Goberno galego pola investigación e a innovación no ámbito enerxético, canalizada mediante proxectos nos que colaboran empresas, centros tecnolóxicos e universidades. A través dos programas de innovación Innterconecta, Conecta Pemes e Unidades Mixtas, suman 15 proxectos que están a mobilizar preto de 25 millóns de euros. Con todos eles, subliñou, a Xunta busca impulsar un “traballo conxunto de mellora tecnolóxica” que garanta a calidade do servizo eléctrico.

Conde subliñou tamén a cooperación como valor compartido entre Xunta e CIDE, e apuntou que a existencia da propia CIDE responde á convicción de que “a unidade de acción, e os esforzos compartidos, son a clave para gañar competitividade e eficiencia, e garantirse un oco no mercado. E traballamos e seguiremos traballando para que as nosas empresas distribuidoras consigan unha maior certeza e maior claridade regulatoria”. Conde sinalou, neste senso, que a cooperación é “o santo e sinal” da Xunta no seu impulso ao tecido económico galego.

E ambos valores se complementan, salientou o conselleiro, con esa aposta pola articulación do territorio para facer fronte á complicada orografía galega, e á súa enorme dispersión territorial e “levar a luz alí a onde fose necesario”.

Sobre eses tres valores, Conde defendeu que Xunta e CIDE comparten ademais a mesma visión de futuro, cun un sistema eléctrico marcado por unha regulación estable que impulse a competencia e á pequena e mediana empresa, e unha seguridade económica que lles permita planificar os seus investimentos a longo prazo.

18 de xuño de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.