publicidade hoxe

Concello de San Sadurniño e Edinan ofrecen un curso de iniciación ao portugués

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Cando se fala con linguas con proxección de futuro sempre nos veñen á cabeza o inglés, o alemán, o chinés ou o castelán. Pero poucas veces reparamos en que o portugués é unha lingua falada por máis de 200 millóns de persoas desde Asia ata América e que o Brasil, principal zona lusófona, é hoxe por hoxe, un dos motores económicos do hemisferio sur. En Galicia a aprendizaxe deste idioma dista de ser algo masivo, quizais porque hai tantas semellanzas entre a nosa lingua e o portugués que dúas persoas de ambas marxes do Miño -ou do Atlántico- poden entenderse sen moita complicación. Nunca está de máis aprender, tendo en conta ademais que o portugués será en breve lingua optativa no ensino. Por iso a academia Edinan en colaboración co Concello ofrece un curso de iniciación para o que xa se poden facer as inscricións chamando ao 650 198 917.

O curso terá 10 horas de duración e impartirase os días 24, 25, 29 e 30 de xuño en horario de 20 a 22.30h. Trátase dunha introdución práctica ao portugués na que, ademais, tamén se tratarán aspectos comunicativos e culturais do mundo lusófono.

O interese do curso reside en que a lingua portuguesa se quere ir implantando pouco a pouco nas aulas galegas tralo acordo asinado entre a Xunta e a República de Portugal, algo que lle ofrecerá ao persoal docente unha importante oportunidade laboral. Por outra banda, a acreditación da competencia lingüística no nivel intermedio B1 pode obterse en só dous cursos, fronte aos catro necesarios para outros idiomas. Unha ventaxa esta última que saberán ver os e as estudantes universitarios de grao e posgrao que precisan acreditar o coñecemento dunha lingua estranxeira para obter o seu título.

Ademais de todo isto, tamén é importante saber que o portugués é un vehículo de comunicación con máis de 200 millóns de falantes en todo o mundo, aínda que o maior grupo se encontra nun só país, o Brasil, que é un dos principais motores económicos de América e tamén un dos novos puntos de destino para a man de obra cualificada europea.

As persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse no curso de iniciación ao portugués poden enviar un correo electrónico a info@centrodeestudiosedinan.es (poñendo no asunto “Portugués San Sadurniño”) ou chamando ao 650 198 917.

Tamén poden solicitar máis información dirixíndose á oficina de orientación laboral no 981 490 027 (ext 2). Para que o curso se poida celebrar ten que haber un número mínimo de 6 persoas. O número máximo de prazas son 20.

12 de xuño de 2015 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.