Concello de Lalín e “Salvemos Catasós” unen forzas para loitar contra a destrución da fraga de Casas Vellas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
O alcalde de Lalín na reunión con Salvemos Catasós

O alcalde de Lalín na reunión con Salvemos Catasós

O concello tratará de obstaculizar en todo o posible o paso da denominada Liña de Alta Tensión (LAT) O Irixo- Lalín, que destruiría o enclave natural. As dúas partes realizarán actividades en coordinación e barallouse a posibilidade de dispoñer no consistorio dun punto de información á cidadanía.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, recibiron esta tarde no concello a varios membros da plataforma Salvemos Catasós. Na comitiva desprazada ata o Castro Tecnolóxico estaba Manuel Taboada, Celso Fernández, Suso Rivas e Marlene Pérez, entre outros. Tanto Cuíña como Alonso brindáronlles aos membros da organización “o máximo apoio e a colaboración máis absoluta por parte do Concello” para loitar na defensa de Casas Vellas e obstaculizar en todo o posible o paso da denominada Liña de Alta Tensión (LAT) O Irixo- Lalín, que destruiría o enclave natural.

Tanto por parte do Concello como de Salvemos Catasós, cuestionouse o Estudo de Impacto Ambiental elaborado no mes de maio por Gas Natural Fenosa, por presentarse incompleto e non incluír, nin sequera, as árbores que medran na fraga. Así, pediráselle á Xunta que declare a súa nulidade e tentarase elaborar un novo estudo, realizado, a poder ser, por persoal de Lalín, que reflicta o verdadeiro valor do conxunto paisaxístico.

Outro dos puntos abordados na xuntanza foi o de declarar a Fraga de Casas Vellas como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Esta figura de protección e, ao mesmo tempo de presión, dase por feita, e tramitarase unha vez se establezan uns límites claros e acordados cos veciños da zona, do espazo que abarcará o ENIL. Declarar Casas Vellas como ENIL non afecta aos actuais usos e costumes do lugar, pero garante a súa protección ante posibles construcións ou novas infraestruturas. A intención do Concello, ao igual que a da plataforma é a de poñer todos os obstáculos posibles para imposibilitar o paso da LAT O Irixo-Lalín por Casas Vellas e reivindicar o seu soterramento ao longo da N-525.

A reunión discorreu en total cordialidade e no seu trascurso propúxose a realización coordinada de actividades entre o concello e o colectivo. Neste senso, valorouse a posibilidade de dispoñer no consistorio lalinense dun punto de información á cidadanía sobre a actividade da plataforma. Tamén se barallou a posibilidade de habilitar roteiros dende o casco urbán ata Casas Vellas como modo de dinamizar e dar a coñecer o espazo natural que, de todos os xeitos, xa experimentou un impulso nos últimos meses grazas ao traballo do colectivo.

A Plataforma Salvemos Catasós publicará proximamente un vídeo reivindicativo no que o Concello colaborará para darlle a máxima difusión.

24 de xuño de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.