publicidade hoxe

Concello de Carballo e Senda Nova coordinan a IV Limpeza Simultánea de Praias da asociación ecoloxista Adega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello e a Asociación Ambiental Senda Nova coordinan en Carballo a IV Limpeza Simultánea de Praias que organiza a Asociación Ecoloxista Adega para conmemorar o Día Mundial dos Océanos e que se realiza en numerosos puntos da costa galega entre o 5 e o 7 de xuño. Trátase dunha xornada na que os voluntarios e voluntarias que desexen unirse á iniciativa contribuirán a retirar lixo e residuos do mar e das praias. O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano dez millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións, etc.), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra. Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños, máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. A contribución de Carballo para axudar a mellorar esta situación será no areal das Saíñas. As persoas interesadas están convocadas o sábado 6 de xuño a partir das 10.30 horas. 

3 de xuño de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.