Concello da Laracha e a confraría de pescadores renovan o convenio de colaboración

Sinatura do convenio
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e José Héctor Morgade Carracedo, Patrón Maior de Caión, rubricaron o convenio de colaboración para o ano actual entre o Concello e a Confraría de Pescadores da localidade costeira, que é unha renovación do que estivo en vigor no exercicio anterior.
O acordo establece que o Concello da Laracha concede unha subvención de 5.000 euros, xa contemplada nos orzamentos municipais, dirixida a sufragar os custos do funcionamento e mantemento (gastos en persoal, limpeza, electricidade, etc.) do museo do Arquivo da Pesca, situado precisamente no baixo do edificio do pósito dos pescadores.
O museo do Arquivo da Pesca, que é titularidade da Confraría de Pescadores de Caión, foi creado co financiamento do Concello da Laracha e do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte. A súa dirección corresponde ao historiador local Marcos Amado.
O horario de apertura durante o verán será os sábados de 12:00 a 14:00 horas e os domingos de 19:00 a 21:00 horas, existindo tamén a posibilidade de concertar visitas guiadas de grupos en calquera día. A entrada ao museo é gratuíta.











