publicidade hoxe

Comezan os traballos para trasladar o monolito da Praza do Concello de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Está previsto que o mércores 10 de xuño comecen os traballos para efectuar o traslado do monolito que preside a Praza do Concello dende o ano 1986 -hai preto de 30 anos- así como o poste azul situado ao seu carón. Nesta primeira fase dos labores, que está previsto que dure toda a xornada do mércores, procederase a retirar o monolito e a pequena zona verde. Así mesmo, está previsto que o xoves pola tarde, despois de rematada a feira, comecen os traballos para pavimentar o oco deixado pola estrutura, de tal forma que as obras estean rematadas para que o sábado 13 se celebre con normalidade Xogar na Rúa. Non será ata despois das Festas de San Xoán cando se procederá á recolocación do monolito, que se ubicará no parterre que está situado entre o quiosco da Praza do Concello e a Cafetaría Sinagoga.

O obxectivo desta actuación é o de transformar o espazo da praza nunha zona expedita, xa que o monolito viña sendo dende hai tempo un atranco para a celebración dos numerosos eventos e actos públicos que se desenvolven de cotío na ágora carballesa, ademais de supoñer un obstáculo para a colocación e manexo das mesas de control instaladas para os numerosos concertos e citas lúdicas que se celebran durante a primavera e o verán. Esta medida, xunto coa reurbanización da rúa Colón, ten como obxectivo acadar un espazo público maior e máis aberto. O monolito é un monumento que o Concello de Carballo realizou no ano 1986 como homenaxe a todos os alcaldes do municipio con motivo do 150 aniversario da súa constitución como Concello. Nel figuran os nomes de todos os rexedores da vila dende 1836.

9 de xuño de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.