Comezan os Campionatos de España para a Sociedade Ximnástica
O fin de semana celébranse os primeiros Campionatos de España individuais da tempada estival, aqueles polos que os atletas levan desde inverno preparándose; nesta ocasión a Sociedade Ximnástica acudirá a dúas delas. En Tarragona será a quenda para a categoría promesa, a última oportunidade para decidir o equipo nacional que acuda a Tallin en Estonia ao Campionato de Europa Sub23, do 11 ao 14 de xullo.
O equipo lerezano terá a tres atletas en Cataluña, ademais con posibilidades de medallas, Manuel Muíños, o domingo ás sete e cuarto da tarde, comezará a súa actuación no salto de altura, defendendo o seu título actual de Campión de España.
Rocío Rodríguez, será a única muller da entidade pontevedresa presente; o sábado ás oito e vinte e cinco terá as semifinais dos 1.500 metros, para tentar coarse na final do día seguinte á mesma hora; vén de facer marca persoal e é a cuarta do ranking das participantes; o obxectivo será meterse na final e despois tentar a medalla.
Outro que tamén vén mellorando a súa marca persoal é Alberto Guerrero que participará nos 800 metros, coa cuarta mellor marca dos inscritos; o sábado iniciaranse as semifinais ás sete da tarde e tentará estar na final do domingo, ás oito e cinco da tarde.
O outro Campionato de España será o da categoría Xuvenil, que se celebra en Cidade Real. A Sociedade Ximnástica terá a un dos seus representantes, Ángel Vargas que participará nas dúas probas de velocidade, 100 metros e 200 metros. O sábado pola mañá terá as eliminatorias de ambas as distancias, pola tarde as semifinais e a final do hectómetro; xa o domingo pola mañá terá a final do dobre hectómetro.
Pola súa marca da tempada será complicado velo na final, pero Ángel xa ten experiencia suficiente para non amedrentarse ante ese obstáculo.
Lysvanys Pérez volveu saltar 2,15
O atleta da Sociedade Ximnástica, Lysvanys Pérez, continúa realizando unha gran tempada; en Plasencia participou no Gran Premio Deputación de Cáceres, na proba de salto de altura, volvendo igualar a marca de 2,15, igualando novamente o record da Ximnástica e que xa saltou unha semana antes, demostrando que está a ter unha boa progresión na súa preparación para o Campionato de España Absoluto, que se celebra a finais de xullo.
O sábado pola tarde, o Estadio Balaídos de Vigo, acolle outra xornada máis das súas series Municipais, coa presenza de 25 atletas pontevedreses, que aproveitarán esta nova oportunidade para seguir mellorando as súas marcas persoais. Ás cinco e media da tarde iniciarase a competición, que se prolongará ata preto das nove e media da noite.











