publicidade hoxe

Comeza en Oroso un plan de bacheo nas estradas e pistas de todo o municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Tarefas de bacheo en Oroso

Tarefas de bacheo en Oroso

O Concello de Oroso inicia esta semana un plan de bacheo das vías municipais das distintas parroquias do municipio. O alcalde en funcións, Manuel Mirás, e o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, estiveron presentes no inicio dos traballos, que comezaron polo núcleo urbano de Sigüeiro.

Manuel Mirás explica que “queremos aproveitar esta tregua que nos dá a climatoloxía para tratar de tapar todas as fochancas que poidamos nas vías municipais e paliar no posible os cuantiosos danos producidos polas últimas cicloxéneses”. Por iso, o alcalde orosán sinala que “nos próximos tres días imos tentar tapar todas as fochancas que se produciron nos últimos meses e sobre as que non puidemos actuar con anterioridade debido á climatoloxía adversa”. Os equipos de traballo estarán operativos durante a xornada de hoxe venres e, cando menos, os próximos luns e martes da semana que vén, para aproveitar así este tempo seco.

Unha actuación que o alcalde orosán contrapón á realizada polo Ministerio de Fomento na N-550, realizada durante a semana pasada e no medio da choiva. Unha situación que fixo que, apenas unha semana despois, volvan aparecer as mesmas fochancas. Mirás valora positivamente “calquera actuación que se realice para mellorar a N-550”, pero lembra tamén que “non se tocaron os camiños de servizo, que están intransitables tal e como vimos denunciando dende hai tempo”.   

3 de xuño de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.