Comeza a primeira quenda dos campamentos de verán de Caión
Os campamentos que cada verán organiza o Concello da Laracha comezaron a desenvolverse hoxe na praia de Caión. Esta primeira quenda vai dirixida a nenos de entre 8 e 11 anos de idade e cubríronse a totalidade das cincuenta prazas convocadas, sendo necesaria a realización dun sorteo entre todas as solicitudes de participación presentadas.
Os rapaces e os monitores especializados que están ao seu cargo ao longo de toda a semana recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de cultura e deportes, Patricia Bello, que lles deron a benvida no propio areal caionés.
Desde hoxe e ata o venres cada día o autobús cos rapaces e monitores sairá da praza do Concello ás 10:00 horas e regresará en torno ás 18:00 horas, a excepción de mañá martes, na que o horario se adaptará á visita ao parque acuático de Cerceda. O Concello asume os custos do transporte, o xantar (que se realizará no centro sociocultural da Ínsua) e todas as actividades que se leven a cabo no termo municipal da Laracha.
Durante os próximos días os rapaces convivirán con compañeiros do seu mesmo grupo de idade e realizarán divertidas actividades deportivas, culturais e educativas que se desenvolverán, a maioría delas, na vila de Caión, tanto na praia como no paseo marítimo e en instalacións municipais. O programa inclúe deportes náuticos, aeróbic, xogos na praia, olimpiadas, obradoiros de reciclaxe e nutrición e tamén dúas saídas ao parque acuático de Cerceda e ao municipio de Abegondo para realizar unha xornada multiaventura.
A segunda quenda dos campamentos de verán de Caión, dirixida a nenos nados entre os anos 1999 e 2002, comezará o luns da próxima semana. Neste caso aínda hai prazas dispoñibles. A inscrición debe formalizarse no Concello.











