Comeza a construción das bancadas nas obras do pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, realizaron unha visita ás obras de creación do pavillón polideportivo do CEIP Ramón Otero Pedrayo na que puideron comprobar persoalmente o avance nos traballos referidos á instalación da súa estrutura e a cuberta, así como o inicio das labores referidas á construción das bancadas.
A previsión é que durante as próximas semanas, aproveitando o cese da actividade polas vacacións no centro de ensino e as boas condicións climatolóxicas, se completen a totalidade das actuacións proxectadas e o novo pavillón poida estar dispoñible co inicio do novo curso escolar.
A instalación comunicarase directamente co edificio de primaria do colexio, contará cunha superficie pechada duns 1.400 metros cadrados e albergará, ademais da pista polideportiva, dous aseos e almacéns.
O Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña cofinancian estas actuacións contempladas nun proxecto valorado en máis de 600.000 euros. O do CEIP Ramón Otero Pedrayo será o quinto pavillón polideportivo do Concello da Laracha. Durante o horario escolar permanecerá reservado para uso exclusivo do centro e fóra del poderá ser tamén empregado para albergar actividades e eventos de interese xeral municipal.











