Cogami achega a discapacidade ao alumnado do Xesús Golmar de Lalín
Patricia Vilas e Francisco Cividanes, traballadores sociais da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), desprázanse ata o colexio Xesús Colmar de Lalín para impartir dúas charlas de sensibilización sobre a discapacidade ao alumnado dos cursos de primaria.
Cunha duración de 75 minutos cada charla, sendo a primeira ás 10:00 horas e a segunda ás 12:00 horas, os profesionais de COGAMI, tratarán de explicarlle ao alumnado en que consiste a discapacidade e as diferentes tipoloxías que hai a través dunha presentación en power point. Ademais, explicaranlle aos cativos como tratar ou dirixirse a unha persoa que ten unha discapacidade.
Para finalizar a charla, haberá un circuíto con obstáculos para que os rapaces e rapazas poidan percorrelo en cadeira de rodas manual e experimentar por si mesmos as dificultades que atopa unha persoa usuaria de cadeira de rodas por mor das barreiras arquitectónicas que existen. Tamén terán que facer o percorrido cos ollos tapados e rematarán cunha actividade reflexiva na que comentarán as experiencias vividas durante a xornada.
A través deste tipo de charlas, o que se pretende dende COGAMI é tratar de concienciar sobre a diversidade que existe na sociedade, de que todas as persoas somos diferentes e de que todas temos capacidades.











