publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Chega o primeiro festival ecolóxico “Cañiza Natura”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal Portada
A-
A+

Durante a primeira semana de xullo A Cañiza converterase no corazón ecolóxico de Galicia. Talleres, actividades ao aire libre, conferencias e por suposto música configuran un programa de oito días no que os asistentes terán a oportunidade de desconectar da rutina e coñecer mellor o medio natural así como entrar en contacto consigo mesmos. Unhas vacacións creativas nas que os participantes se converten en protagonistas, xa que se trata de que actúen e tomen a iniciativa en cada unha das actividades. Esta ruptura cos festivais aos que os asistentes acoden como meros espectadores favorecerá o seu propio desenvolvemento persoal. Trátase de crear, compartir e descubrir para que ao volver a casa algo cambie en nós.

Este festival é único en toda España pola gran variedade de actividades que ofrece: arteterapia, equinoformación, camiñar consciente, musicoterapia, Ioga, e un longo etcétera. Ademais pódese gozar en familia posto que hai actividades dirixidas e deseñadas para todos os públicos e gustos. Os nenos terán talleres de teatro, arte e debuxo, reciclaxe de papel, arcos e frechas, barro e moitas outras actividades. Á primeira hora haberá unha sesión de ioga para todos os que queiran participar. A continuación, ao longo da mañá haberá talleres divididos por grupos de idade. Á tarde haberá dúas actividades, na primeira participará toda a familia en conxunto e na segunda volverán dividirse os talleres por idade. Por último á noite haberá música e danzas grupais para todos.

As actividades correrán a cargo de recoñecidos profesionais como Heike Freire, experta en innovación educativa colaborou coa administración francesa desde o Instituto de Educación Permanente de París. Rosa Zaragoza está considerada como a creadora da BSO da crianza, o seu traballo ‘Nacer Renacer’ está avalado co selo da UNICEF. Koldo Aldai fundador da Rede Ibérica da Luz, escribiu once libros de poesía, teatro ensaio e recibiu diferentes premios e distincións literarias. O festival que se celebrará entre o venres día 3 e o venres 10 de xullo conta con cámping dotado de todo tipo de servizos. Ademais, tamén existe a opción de aloxarse nun hotel aínda que con límite de prazas. A maioría das actividades desenvolveranse ao aire libre nunha contorna natural sen igual, A Paradanta. Todos os participantes terán tempo para coñecer este municipio montañoso e gozar do seu patrimonio artístico e a súa gastronomía.

9 de xuño de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.