publicidade hoxe

Cervo abre o prazo de matrícula ou renovación para o Punto de Atención á Infancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo informou hoxe de que a partir de mañá e ata o 17 de xullo estará aberto o prazo de matrícula e renovación para o Punto de Atención á Infancia. Un trámite que se debe facer unicamente no Rexistro Xeral, situado na Casa do Concello de Cervo, en horario de oficina. Aínda así, os impresos pódense recoller tamén na Casa do Mar e na Casa da Cultura.

Un servizo que no novo curso 2015-2016 xa se prestará nunha nova ubicación, a Casa do Mar. Un edificio no que o Concello levou a cabo importantes reformas co obxectivo de acoller o PAI. As obras, financiadas con fondos municipais, tiveron un custo de 72.800 euros e afectaron tanto á zona interior como ao patio exterior, o cal  permitirá dispoñer duns espazos remodelados especialmente para este servizo infantil, con todas as medidas de seguridade e protección. 

Ademais hai que lembrar que esta nova ubicación era moi esperada polos pais e nais xa que a Casa do Mar se atopa nunha situación máis céntrica e tamén vai permitir contar con moito máis espazo, o cal amplía as posibilidades educativas e tamén á hora de organizar actividades. 

Documentación

As persoas solicitantes deberán presentar en prazo a seguinte documentación: No caso das familias que desexen renovar a súa praza deberán entregar a solicitude; unha copia do carné de vacinación actualizado; unha autorización para obter información e documentación das distintas administracións públicas ou, en caso contrario, achegar un certificado da Axencia Tributaria das rendas de cada membro da unidade familiar do último exercicio vencido e o certificado de empadroamento de todos os membros da unidade familiar (este último tampouco será necesario se entregan a autorización), e outros documentos que acrediten circunstancias como cargas familiares, invalidez ou minusvalía dalgún membro, condición de familia monoparental ou de familia numerosa. 

En canto aos nenos e nenas de novo ingreso, a documentación necesaria será, ademais da xa mencionada, a fotocopia do DNI de nai, pai e, de ser o caso, os representantes legais; fotocopia cotexada do libro de familia, onde apareza o alumno ou alumna para o que se solicita o ingreso, ou documento que acredite a situación familiar; certificado médico do neno ou nena que informe da ausencia de enfermidade infecto-contaxiosa; tamén deberá informar se o menor padece algún tipo de alerxia alimentaria ou física; copia da tarxeta da Seguridade Social do neno ou documento equivalente e dúas fotos tamaño carné.

16 de xuño de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.