CEP e CCOO coinciden na necesidade de reindustrializar a provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, mantivo hoxe a súa primeira toma de contacto coa secretaria xeral da unión comarcal de Vigo de CCOO, Amelia Pérez, en compañía de Julio Prado, responsable de acción sindical, e de Medardo Arias, secretario xeral da CEP.

Pérez e Cebreiros coincidiron na necesidade dunha reindustrialización da provincia, non só no que se refire a adaptar as empresas xa existentes ás novas tecnoloxías e necesidades, senón no caso dos sectores emerxentes. Manifestaron que o futuro da economía da comarca de Vigo e de toda a provincia pasa por recuperar o sector industrial perdido durante a crise, por promover sectores emerxentes e pola planificación da actividade económica a longo prazo.

O presidente da CEP defendeu “a aposta pola aplicación das novas tecnoloxías nos procesos produtivos, que dan lugar a unha maior produtividade e competitividade”, mentres que a secretaria xeral da unión comarcal de Vigo de CCOO apuntou que “temos claro que o tecido industrial é o que achega maior valor engadido e salarios dignos e que o camiño para a recuperación non pasa polo traballo precario nin o subempleo, senón polo traballo de calidade e os salarios dignos”.

Desde o punto de vista de Amelia Pérez e Jorge Cebreiros, é necesaria a colaboración entre as distintas entidades sociais, para analizar e identificar conxuntamente as necesidades futuras a medio e longo prazo tanto da actividade económica como social. 

Igualmente, subliñaron a importancia de involucrar ás pemes, que conforman a maioría do tecido produtivo pontevedrés e xeran maior número de postos de traballo. Acordaron que é necesario identificar os casos de éxito de empresas ou sectores estratéxicos cun efecto demostrativo que anime ás pemes a involucrarse en proxectos europeos. 

Con respecto ao diálogo social, valoraron positivamente o Acordo de Negociación Colectiva (ACN) como punto de partida para impulsar a recuperación económica, desde o punto de vista da mellora dos salarios e da mellora do poder adquisitivo dos traballadores, que permita unha mellora do consumo e un afianzamento da economía nacional no seu conxunto. 

Ademais, estiveron de acordo en que o diálogo social debe ser sempre un punto de referencia moi importante tanto a nivel de sectores como na negociación dos convenios e das condicións laborais de calquera centro de traballo.

1 de xuño de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.