Celébrase o último pleno da lexislatura na Laracha
No Concello da Laracha celebrouse este mediodía o derradeiro Pleno da lexislatura 2011-2015, unha emotiva sesión que tivo como único punto da orde do día a aprobación da acta do último Pleno extraordinario celebrado o pasado día 27 de abril.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu a labor de todos os concelleiros, tanto da aqueles “que tomarán posesión da súa acta novamente o sábado 13 de xuño” como dos tres edís que non formarán parte da nova Corporación.
José Manuel Iglesias (PP), que deixará o seu cargo de concelleiro despois de 32 anos, despediuse da Corporación agradecendo “o trato de todos” e afirmando que “foi unha honra traballar con vós durante tanto tempo e unha gran satisfacción ter colaborado na mellora da calidade de vida dos laracheses”.
Lucía Varela (PP), a edil máis nova da Corporación, despediuse considerando que a súa experiencia de un ano como concelleira “foi breve, pero gratificante”.
Pola súa parte Juan Manuel Ramos, líder do grupo do PSOE durante os últimos oito anos, tamén quixo agradecer o trato recibido por parte de todos os membros da Corporación e dos técnicos municipais por facilitarlle o desenvolvemento da súa labor como concelleiro. Concluíu desexando “o mellor na próxima lexislatura” aos edís que tomarán posesión o sábado.











