Catro días de actividades lúdicas e culturais para celebrar o Día do Orgullo na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+
Presentación do programa

Presentación do programa

A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, presentou esta mañá o programa de actividades deseñadas polo Día do Orgullo, que se celebra o próximo domingo 28 de xuño, co obxectivo prioritario de visibilizar e afondar no respeito á diversidade sexual. “Desde o Concello da Coruña queremos poñer no centro todas aquelas políticas sociais e de empoderamento das persoas e colectivos minoritarios e minorizados”, salientou Fraga, quen remarcou a importancia da loita pola igualdade real das persoas e colectivos que históricamente veñen sendo discriminados e en poñer en valor a forza da diversidade. “Este 28 de xuño só é un punto de partida e non una data illada; xa comezamos a traballar xuntas e xuntos para facer unha labor permanente, os 365 días do ano”, afirmou a responsable municipal durante a comparecencia, na que tamén interviron Mauricio Álvarez e Luz Ponte, dos colectivos ALAS Coruña e El Andamio de Enfrente.

Trátase dun programa elaborado a proposta dos diferentes colectivos LGTBQI, que vai desde o lúdico ata o cultural e que se estenderá desde mañá e ata o próximo luns en diferentes puntos da cidade, con eventos como a festa que durante todo o domingo se desenvolverá na rúa San Xoán ou a entrega dos premios Marcela e Elisa (que este ano recoñecerá o traballo do Comité Antisida, CASCO). Segundo suliñou a responsable municipal, as actividades son o primeiro paso na aposta do Concello no traballo de sensibilización á cidadanía coruñesa e de defensa e reivindicación dos dereitos das persoas LGTBQI.

Entre as medidas que se desenvolverán, a concelleira anunciou o reimpulso da oficina LGTB, desde a que se realizarán actividades de todo tipo cara ao reforzo da diversidade sexual, a sensibilización á cidadanía mediante propostas educativas e o apoio para o empoderamento das persoas que así o precisen. “Un espazo amplo, visible e proactivo, non asistencialista, aberto e participativo, onde recoller e levar a cabo as demandas dos colectivos e persoas que traballan pola diversidade e a liberdade sexual”, sinalou Fraga. Tamén, a responsable de Igualdade avanzou o traballo que se desenvolverá desde a concellería coas forzas de seguridade local, de formación e elaboración de protocolos, para o tratamento coas persoas destes colectivos.

PROGRAMA

Venres 26

22.00 horas.: Gala Orgullosísimas 2015, no Garufa Club: Concerto de Le Blond

Entrega da XI edición dos premios Marcela e Elisa

Drag show con: Rastia Bideth, Corea Cruise e Britney Allen

Sábado 27

21.00 horas.: Concentración+Performance, no Obelisco: “Leis pola igualdade real, Xa!”

21.30 horas.: Charla/coloquio: Miriam C. Castro. Bar El Ángel (Praza de María Pita, 25)

Ruta por locais: Etnika’s, claro Boba e Ico’s

Domingo 28

Sesión Vermú+Festa na Rúa San Xoán:

14.00 horas: Rodrigo Cuevas e o seu #ElectroCuplé no Café Alfaiate

18.00 horas.: Salchichada no Café Alfaiate

18.00 horas.: DJ Teresa da Praia

Luns 29

20.00 horas.: Mesa Redonda “Novos Retos na Prevención do VIH” con Antonio Poveda, director de CESIDA e CASCO. Centro Ágora.

Xunto ao Concello (a través da Concellería de Igualdade e a Concellería de Cultura, Deportes e Coñecemento) participaron e colaboraron na organización do programa de actividades as entidades CASCO (Comité Antisida da Coruña), ALAS Coruña (Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña), 7 CORES (Grupo LGTB do PSdGPSOE), Ultreia LGTBI, Cesida, El Andamio de Enfrente, Garufa Club, Alfaiate Café, Claro Boba, Étnika’s, El Ángel e Ico’s.

25 de xuño de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.