Castiñeira considera a renuncia de Orozco un fraude aos lucenses
O candidato do PP á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, cualificou de “fraude aos lucenses” a renuncia do alcalde en funcións, José López Orozco, á súa acta de concelleiro, tal e como pedían Lugo Novo e BNG para dar o seu apoio a un goberno de esquerdas encabezado polo PSOE no Concello de Lugo.
“Comparto cos lucenses a dobre decepción coa decisión de López Orozco por xogar cos veciños e pedir o voto sabendo que non ía volver ser alcalde”, dixo o popular, que xa se vía como alcalde por ser a PP a lista máis votada na Casa do concello.
Ademais, Castiñeira asegurou que Orozco escolleu “a opción máis doada” pero “non a mellor para os lucenses”, posto que “lle correspondía exercer a oposición”. Na súa opinión, “faltoulle valentía para ocupar o posto que o asignaron os veciños”.
Por outra banda, expresou a súa sospeita acerca de que “ninguén no PSOE quere gobernar o Concello”, xa que “todos se pelan pola Deputación” e, polo tanto, na súa opinión, “o novo alcalde ou alcaldesa de Lugo, se é alguén do PSOE, será alguén que non quere ser alcalde”.
“Os lucenses non entenderán que unha persoa que se negou a dimitir cando estalaron os grandes casos de corrupción do seu ámbito agora abandone a Casa do concello tras enganar os veciños encabezando unha lista”, sentenciou.
Tras os resultados das eleccións do 24 de maio, Lugonovo (tres edís) e o BNG (dous edís) puxeron a renuncia do rexedor lucense como condición para entrar en negociacións con socialistas.











