Carlos Paz e Álvaro do Arco colócanse segundos no Campionato de España 49er 2015 Open – Gran Premio Deputación de Pontevedra
Amenceu medio cuberto o campo de regatas na ría de Arousa, pero pasadas a unha da tarde despexo e o vento do SW foi subindo de intensidade paulatinamente ata alcanzar os 11 nós. Condicións de mar e vento que as tripulacións xa coñecen perfectamente tras tres días de Campionato de España 49er 2015 Open – Gran Premio Deputación de Pontevedra.
Disputáronse un total de cinco probas, as previstas, con dominio absoluto dos membros do equipo nacional de 49er sobre o resto da flota. Os irmáns Alonso defendían o seu liderado dos dous primeiros días, saíndo á mar cun punto de vantaxe sobre a tripulación Diego Botín e Iago López; e con tres puntos respecto dos terceiros Carlos Paz e Álvaro do Arco.
Botín e López saíron con ganas, gañando a primeira e a cuarta proba do día, logrando dous segundos postos na terceira e quinta, tan só picando na segunda. Tamén moi regulares Carlos Paz e Álvaro do Arco, que gañaron a última proba do día. E os irmáns Alonso picaron na segunda proba cun fóra de liña, que implicou unha penalización de 10 puntos, recuperándose na terceira proba cun primeiro posto.
Tanto o adestrador nacional da Clase 49er, Carlos Llamas, como o regatistas Antón Paz –aínda en dique seco por enfermidade-, coinciden que o nivel do equipo é moi equilibrado, e que na última xornada decidirase o gañador do Campionato de España 49er 2015 Open – Gran Premio Deputación de Pontevedra











