Carlos Hugo García-Bayón convértese no novo director da canteira celeste
Un vello coñecido do Real Club Celta, Carlos Hugo García-Bayón, será o director da canteira celeste durante as próximas dúas tempadas. O leonés xa coñece a entidade céltica, na que exerceu de segundo adestrador de Eusebio Sancristán desde marzo de 2009 ata xuño de 2010. Carlos Hugo é un profesional que destacou ao longo de toda a súa carreira pola súa plena dedicación ao fútbol, os seus amplos coñecementos sobre este deporte e a implementación de novos métodos nos equipos nos que traballou, sempre cunha importante presenza da tecnoloxía.
Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Carlos Hugo comezou a adestrar con tan só 19 anos no Exido. Tamén foi seleccionador de Castela-León e segundo adestrador do Huesca e máis recentemente do Barcelona B, en Segunda División.
Os novos equipamentos preséntanse nun evento que contará coa actuación do humorista Moncho Borrajo
Os novos equipamentos oficiais do Celta deseñados por Adidas para a tempada 2015/2016 preséntanse ante o celtismo este mércores ás 19:30h no Auditorio Mar de Vigo, un escenario espectacular sobre o que varios xogadores do primeiro equipo exercerán de modelos e no que compartirán protagonismo co showman Moncho Borrajo.
O artista, un dos humoristas máis relevantes do panorama galego e excepcional colaborador do club para a ocasión, agasallará aos asistentes cunha actuación cargada de humor e diversión. Ademais, as pantallas do auditorio proxectarán un emocionante vídeo cos mellores momentos da pasada campaña.
O club anima a todos os afeccionados a asistir a este evento, de entrada gratuíta, para coñecer en primeira persoa os novos deseños das camisetas e gozar do show de Moncho Borrajo. Un acto que respirará celtismo polos catro custados e que conta coa inestimable colaboración do Auditorio Mar de Vigo.











