publicidade hoxe

Carballo celebrou o pleno organizativo no que se aprobaron as retribucións e a periodicidade das sesións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa celebrou o luns 29 de xullo a primeira sesión plenaria do mandato, logo da toma de posesión, na que se fixaron as regras do xogo para os próximos catro anos respecto da organización e funcionamento tanto do pleno, como das comisións informativas, dos grupos políticos ou do propio equipo de goberno. Durante pouco máis de media hora, na que tamén se acordou a disposición dos membros dos grupos políticos nas cadeiras do salón de plenos, co BNG e o PP máis preto da mesa de presidencia como partidos con maior representación, saíron adiante asuntos como a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, as comisións informativas permanentes e órganos colexiados, os representantes da corporación nestes órganos, o réxime de retribucións e indemnizacións, a asignación económica aos grupos políticos, a designación do persoal eventual ou os cargos en réxime de dedicación exclusiva. Precisamente este último punto foi o que xerou máis debate, e saíu adiante cos once votos a favor do BNG, oito en contra de PP e TEGA e a abstención do PSOE.

O goberno propuxo continuar coas cinco dedicacións exclusivas do mandato anterior, con Evencio Ferrero e Milagros Lantes con 39.916,52 euros brutos anuais; e Luís Lamas, Marcos Trigo e Xosé Regueira con 35.500 euros brutos ao ano. Neste último caso, á espera de que Regueira tome posesión como deputado provincial e renuncie á súa retribución no Concello en favor da súa dedicación como representante na Deputación. A estas cinco (catro trala renuncia), engadiríaselle a dedicación parcial da nova Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, con 19.958 euros brutos ao ano.

Respecto da periodicidade das sesións ordinarias, acordouse por unanimidade manter a actual. Así, a corporación celebrará sesións ordinarias do pleno o último luns de cada mes ás 20.30 horas, excepto no caso do mes de agosto, en que a sesión ordinaria trasladarase ao primeiro luns do mes de setembro. As comisións informativas permanentes serán a de Facenda e Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; a de Urbanismo e Mobilidade urbana -que inclúe Obras-; e a de Benestar e Participación Social. A estas hai que sumar dúas non permanentes que serían a Comisión Especial de Seguridade e a Xunta de voceiros municipais. Neste caso todos os grupos votaron a favor excepto o PP que se abstivo. No caso da designación de representantes da corporación en órganos colexiados, despois dunha obxección por parte de TEGA respecto do Consello Escolar Municipal, a proposta saíu adiante coa abstención de PP e tamén de TEGA.

Retribucións por plenos e Xuntas de Goberno

O réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación permanece inalterable, quedando excluídas destas retribucións, como no mandato anterior, aqueles concelleiros que teñan dedicación asignada. No caso dos plenos, a retribución será de 90 euros para todos os concelleiros cun suplemento de 45 euros para os voceiros dos grupos políticos. Por asistencia á Xunta de Goberno Local a percepción será de 90 euros; 65 euros por cada comisión informativa e 60 euros de suplemento por presidencia das mesmas; e 36 por asistir ás mesas de contratación con 40 euros de suplemento por presidencia. Neste caso, o acordo aprobouse cos votos a favor de todos os corporativos, excepto o PP, que se abstivo.

No que respecta á asignación económica aos grupos políticos municipais, serán 100 euros por grupo ao mes, con 125 euros por concelleiro ao mes, unha proposta que apoiaron BNG e PSOE e que contou coa abstención do resto dos grupos. Por último, recibiu o visto e prace de todos os grupos excepto o PP, que se abstivo, a determinación do persoal eventual e as súas retribucións. Neste caso, designouse un único posto de persoal de confianza para a Secretaría da Alcaldía. Por último, douse conta das resolucións adoptadas polo Alcalde respecto das tenencias de Alcaldía, a delegación de competencias ou a designación dos membros da Xunta de Goberno.

30 de xuño de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.