Carballo acolle o VI Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do VI Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira

Presentación do VI Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira

Carballo acolle entre o xoves 4 e o domingo 7 de xuño a celebración do VI Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira, unha festa na que se lle da un apelido (alcume) aos capoeiristas noveis, ademais de realizarse a troca de cordas: o cambio de graduación (cinto) dos capoeiristas. Os encargados de organizar esta cita, coa colaboración do Concello de Carballo, son África Alberti (Graduada África) e Alejandro Pensado (Graduado Patas), que levan dende 2009 impartindo clases e que colaboran con Carballo Deporte en varias citas ao longo do ano, como por exemplo en Xogar na Rúa. Está previsto que na celebración da fin de semana participen uns 80 capoeiristas, dos que arredor de 40 veñen de fóra, de toda Galicia, pero tamén de lugares como Asturias ou Portugal.

Dende hai uns días están residindo nas instalacións de Art Surf Camp percorrendo a zona e o municipio. Respecto do programa da cita, as actividades principian o xoves 4 de xuño cunha ‘Roda de Abertura’ no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas. Xa o venres 5 pola tarde, está previsto impartir clases no Fórum Carballo de 17.00 a 21.30 horas; e o sábado 6 de 16.00 a 20.30 horas desenvolveranse actividades no ximnasio do Pavillón Vila de Noia. O mesmo sábado ás 21.00 horas haberá unha exhibición de capoeira na Praza do Concello, unha cita incluída no programa do San Xoán 2015 e que conta coa presenza dun campión de Europa que fai piruetas espectaculares. Por último, o domingo ás 11.00 horas o Pazo da Cultura acolle o Batizado, a cerimonia de cambio de graduación ou troco de cordas.

A capoeira naceu no Brasil da evolución de varias loitas e tradicións africanas que chegaron ao país da man dos escravos que Portugal tivo que traer principalmente de Angola (África) entre os séculos XIV e XVI. Durante o seu encarceramento, os escravos tiñan prohibido a práctica de loitas, por este motivo os historiadores apuntan que comezaron a camuflar estas loitas con outras artes. Despois da abolición da escravitude a finais do século XIX os escravos xa libres seguiron sendo explotados pola sociedade monárquica portuguesa. Lonxe de mellorar a súa condición social, organizábanse en bandas criminais de todo tipo.

ste feito fixo que a capoeira fose declarada polo goberno de Brasil unha arte prohibida, estivo a piques de desaparecer pero sobreviviu grazas a que foi ensinada de maneira clandestina nos barrios máis desfavorecidos de Salvador de Bahía. Hoxe en día e grazas ao labor de Manuel dos Reis Machado (Mestre Bimba), que dotou á capoeira dun método de ensino propio e dunhas normas para a súa práctica, esta disciplina practícase en todo o mundo, celebrándose numerosas competicións como os Xogos Ibéricos, Europeos e Mundiais. En Carballo, a asociación Abadá practica de cotío este deporte nas instalacións do CEIP Xesús San Luís Romero, e teñen abertas as súas clases ao alumnado do centro e a todos os veciños e veciñas, nomeadamente nenos e nenas, que queiran aprender esta disciplina.

4 de xuño de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.