publicidade hoxe

Campamento, novas tecnoloxías, excursións en inglés e Club Camaleón na oferta de verán de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión ven de presentar o seu programa de conciliación da vida laboral e familiar para este verán, que repite tres das iniciativas que maior participación acadaron en pasadas edicións (como o campamento de verán, os cursos de novas tecnoloxías ou as sesións do Club Camaleón) e incorpora unha nova actividade: os Summer Days. Para realizar a inscrición en calquera destas actividades, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Brión ou ao teléfono 981 50 99 08.

Os Summer Days están abertos a todos os veciños e veciñas de Brión, ben a nivel individual ben en familia, que estean interesado en mellorar o seu nivel de inglés. Así, o Concello de Brión organizará pequenas excursións, de mañá ou de día enteiro, a distintos lugares de interese nos que estarán acompañados dun monitor de fala inglesa. As datas e os lugares a visitar acordaranse entre as persoas inscritas. 

Para conformar grupos, precisarase un mínimo de 10 e un máximo de 20 participantes. Eles mesmos acordarán o punto de encontro e saída da actividade. A cota de participación é de 10 euros por persoa e día para os maiores de 15 anos e de 8 euros por persoa/día para os menores desa idade.

Campamento de verán

Por outra banda, o Concello de Brión abre o prazo de inscrición no seu campamento de verán, dirixido a nenos e nenas entre 7 e 16 anos empadroados no municipio. Están convocadas un total de 60 prazas no Campamento Xuvenil de Pontemaril (Forcarei) e a cota de participación é de 150 euros, prezo sobre o que se poden aplicar os mesmos descontos que os establecidos nas actividades extraescolares.

Os rapaces dividiranse en dous grupos de idade: de 7 a 11 anos e de 12 a 16 anos. A acampada terá lugar do 18 ao 29 de agosto de 2015. O prazo de inscrición remata o próximo 30 de xuño na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08.

Club Camaleón e novas tecnoloxías 

E para as tardes da última semana de xuño e da primeira de setembro, o Club Camaleón propón unha serie de actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos de idade, empadroados en Brión. Trátase de xogos de animación á lectura que terán lugar na biblioteca municipal de Brión en horario de 17:30 a 18:30 horas. O prezo de inscrición é de 10 euros por cada unha das semanas, é dicir, dous euros por día. E as inscricións poden facerse na Casa da Cultura ou na propia biblioteca municipal de Brión ata unha semana antes da celebración da actividade.

Finalmente, para o mes de xullo o Concello de Brión volve organizar unha serie de pequenos obradoiros de informática, dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. Obradoiros que terán unha duración dunha semana e que terán lugar na aula CeMit de Brión en horario de tarde: de 16:30 a 17:45 horas (nenos/as de 4 ao 10 anos) e de 18:00 a 19:15 horas (rapaces e rapazas de 11 a 16 anos).

A oferta formativa adaptarase ás idades dos participantes. Así, os nenos e nenas de entre 4 e 10 anos terán obradoiros de mecanografía, xogos matemáticos e xogos coa lingua; mentres que os rapaces e rapazas de entre 11 e 16 anos disfrutarán de obradoiros de deseño gráfico, programación de xogos, elaboración de presentacións… En ambos casos, os grupos terán un máximo de 10 participantes e formaranse cun mínimo de 6 persoas. A cota de participación será de 10 euros por semana/obradoiro.

9 de xuño de 2015 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.