Boas marcas para a Sociedade Ximnástica no Ourense Termal Meeting de atletismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Nas pistas universitarias de Ourense, celebrouse unha edición máis o Ourense Termal Meeting de atletismo onde acudiron os atletas da Sociedade Ximnástica, conseguindo ademais de 8 postos de podio, mellorar marcas persoais nalgúns casos. Houbo catro vitorias parciais por parte dos pontevedreses, en mozos, Jorge Puig gañou os 800 metros en 1.55.15, Víctor Gallego o lanzamento de peso con 16.70 e Santi Ferrer Alonso impúxose no salto con pértega con rexistro persoal de 4,80 metros. A única vitoria para as mulleres foi de Lucía Cardesín no quilómetro.

Rocío Rodríguez nos 1.500 metros femininos, tamén fixo marca persoal con 4.38.13, quedando a segunda clasificada. Eva Salvado nos 400 metros e Alba Fernández nos 400 metros valas, foron as mulleres que sumaron unha terceira posición, ademais Alba fixo marca persoal do ano con 1.09.65. Santi Ferrer, ademais da vitoria sumou un terceiro posto no lanzamento de peso.

Non hai que esquecerse de mencionar a Jon Alonso, que aínda que non subiu ao podio, volveu baixar dos 11.40 no hectómetro, con 11.37; xa o fixo o pasado mércores en Pontevedra con 11.28; ratificando así a marca mínima de 11.40, que esixe a RFEA para o nacional júnior.

Lysvanys Pérez volveu bater o record da Sociedade Ximnástica no salto de altura

Nun control de marcas celebrado en Torremolinos, o atleta da Sociedade Ximnástica, Lysvanys Pérez, levou a mellor marca da entidade pontevedresa en salto de altura, ata os 2 metros e 15 centímetros, unha mellora de 2 centímetros con respecto ao que saltara en División de Honra; tamén competiu en Sevilla noutra das xornadas atléticas que organiza cada ano a Delegación sevillana de atletismo e aínda que só chegou aos 2,01 metros, conseguiu outra vitoria máis na especialidade.

En Sevilla tamén vimos reaparecer a Alberto Salcedo tras a súa inoportuna lesión na segunda xornada de División de Honra; o pupilo de Rolando Naranjo, gañou os 200 metros con 21.81.

Outra competición importante celebrada o pasado fin de semana, foi o Gran Premio de Palencia; unha pena o incomprensible erro de colocar mal os obstáculos nos 400 metros valas, xa que non lle serviu de nada a Ignacio Sarmiento, que gañou a serie A da carreira. En Palencia tamén estivo Manuel Muíños que foi segundo no salto de altura con 2,07; na que será a súa última competición antes do Campionato de España Promesa que se disputa o 27 e 28 en Tarragona e onde defenderá título. Outro destacado nas pistas palentinas foi Manuel Casteláns, que gañou a xavelina con 62,89; superando de novo a barreira dos 60 metros, que xa excedera hai unha semana en León.

Outros resultados a destacar foi o primeiro posto de Alex Solla no lanzamento de Disco, nas quintas xornadas de lanzamentos do Club Lovelhe, en Vila Nova de Cerveira. Por último no Control “Arde Lugo”, que se celebrou no Estadio Gregorio Pérez Rivera, Pedro Bastos, a pesar da vitoria, non conseguiu a marca mínima para acudir ao nacional xuvenil, no lanzamento de martelo.

23 de xuño de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.