BNG e Compostela Aberta confirman o seu acordo para a investidura
As negociacións entre as comisións de Compostela Aberta e BNG celebraron este martes a súa segunda reunión tras as eleccións do 24 de maio e, nela, quedou confirmado o acordo para a investidura, no que os dous edís nacionalistas votarán a favor do cabeza de lista da candidatura de confluencia, Martiño Noriega. En todo caso, non se pechará se hai pacto de goberno antes do próximo sábado día 13.
O pasado xoves, ambas as dúas organizacións celebraron as súas respectivas asembleas locais. Ese día, o BNG aprobou apoiar a Noriega “sen condicións” na sesión de investidura, pero quedou pendente de ratificación a entrada no goberno sobre a base dun acordo programático.
Pola súa banda, Compostela Aberta unicamente informou dos contactos mantidos, co BNG e PSdeG, sen que se chegase a votar a conformación dun goberno local, pendente para a seguinte convocatoria dos membros desta plataforma. Ao día seguinte, Noriega manifestou a súa opinión ao respecto de deixar para despois do sábado a negociación da entrada no goberno local do Bloque.
Neste escenario celebrouse este martes o encontro das comisións negociadoras, no que, polo que manifestaron ao termo da reunión, apenas se avanzou nos acordos, aínda que se mantén a porta aberta ao pacto de goberno.
AGRADECEMENTO
Así as cousas, en declaracións aos medios, que esta vez non se fixeron conxuntas dos membros das comisións negociadoras como si aconteceu a semana pasada, a número dous da candidatura, María Rozas, manifestou o seu “agradecemento” ao Bloque polo apoio a Noriega, o cal considerou un “xesto moi positivo”.
Rozas indicou que hai vontade para chegar a acordos e “as portas están abertas”, pero explicou que “era inviable” presentar antes do 13 unha proposta concreta.
“A novidade (deste encontro) é que para a toma de posesión, en vez de dez concelleiros, somos doce. Entón, as portas están máis abertas que na anterior reunión”, sostivo.
Pola súa banda, a representante do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou, en declaracións aos medios, que existe certa “indefinición” da fórmula coa que Compostela Aberta quere gobernar a cidade, polo que os nacionalistas trasladaron que “para poder estudar a proposta, hai que coñecela con anterioridade”. A idea é que se produza a semana que vén.
Sanmartín xulgou que se entendería “lóxico” ter unha folla de ruta sobre se se quere gobernar en solitario, pero recordou que o BNG non ten capacidade de “influencia” sobre os tempos de Compostela Aberta. En todo caso, dixo que “a pelota está no tellado” da candidatura máis votada, que é a que ten que facer unha proposta.
Para os nacionalistas, é “necesario e urxente empezar a tomar decisións e que a cidadanía coñeza a fórmula de como se vai gobernar a cidade”, porque está “desexosa e de coñecer e saber”.
“Respectando toda a lexitimidade de decisión, de gobernar en minoría ou con acordos, é preciso sabelo xa, comezar a tomar posicións, empezar a executalo, e saber o equipo”, expresou a dirixente nacionalista, quen matizou que non está “nin máis aberta nin máis pechada, na mesma posición dende o punto de vista formal” a posibilidade de conformar goberno.
DECLARACIÓNS EXCLUSIVAS
Por outro lado, María Rozas explicou que aínda non se decidiron cuestións como as declaracións exclusivas que, por exemplo, na cidade da Coruña serán dez e para todos os edís do equipo local.
O tope de Compostela Aberta, fixado no seu código ético e ao que se acolleron todos os membros da candidatura cando deron o paso de presentarse, establece 3,5 veces o mínimo interprofesional como salario, cun tope de 36.000 euros netos.
Sobre se se manterán en número de dedicacións da actual lexislatura -dez e media e tres na oposición-, Rozas insistiu en que non hai unha decisión tomada e, tras varias preguntas, contestou a título persoal que “Santiago é unha cidade suficientemente importante para ter o esforzo e traballo de canta máis xente mellor”.
De tódolos xeitos, aclarou que “non hai vontade” ningunha de Compostela Aberta de ampliar as dedicacións que hai actualmente no Pazo de Raxoi. “Nos próximos días saberémolo”, aseverou.
TRASPASO DE PODERES
Noutra orde de cousas, Compostela Aberta xa recibiu os informes aos que o equipo do rexedor en funcións, con Agustín Hernández á cabeza, comprometérase no marco do traspaso de poderes.
Non obstante, Rozas indicou que aínda non tiveron “tempo” para analizar os documentos, pero se revisarán xa este mesmo martes. A concelleira electa destacou que o proceso foi “cordial” e “efectivo”.











