BNG, Ciudadanos e ACE celebran a renuncia de Xosé López Orozco
Os candidatos á alcaldía de Lugo polo BNG, Cidadanos e Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE) coincidiron este xoves en celebrar a decisión do alcalde en funcións e candidato á reelección polo PSOE, Xosé López Orozco, de renunciar á súa acta de concelleiro para facilitar a conformación dun goberno de esquerdas na cidade.
Neste sentido, o candidato do BNG, Rubén Arroxo, avanzou que a súa formación votará a favor da investidura da socialista Lara Méndez o próximo sábado, se ben condiciona a entrada no goberno ao “diálogo cos socialistas e ao debate interno no BNG”.
“Nós levamos dous anos e medio pedindo a renuncia de Orozco, porque para ter un concello totalmente libre de sospeitas non debe ser alcalde unha persoa que está imputada en cuestións de corrupción”, sinalou Arroxo.
Non obstante, o candidato do BNG aclarou que esta decisión “non é unha vitoria de ninguén” e comprometeu o traballo da formación política para ter un concello “que funcione”.
Pola súa banda, a candidata de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzado, cualificou a renuncia de Orozco como “un paso adiante no proceso de rexeneración” democrática e garantiu que a súa formación está aberta a debater cos socialistas “e presentar propostas”. Non obstante, se non se produce ningunha reunión de negociación entre ambas as dúas formacións, Ciudadanos votará a súa propia candidatura no pleno de investidura do sábado.
Finalmente, o candidato de ACE, Carlos Portomeñe, sostivo que a renuncia de Orozco é é “un éxito” polo que levaban “loitando moito tempo”. Non obstante, Portomeñe confirmou que esta formación non apoiará nin a PP nin a PSOE no pleno de investidura, se ben deixan a porta aberta a lograr acordos posteriores co goberno local para aprobar determinadas políticas.











