Benestar impulsa o deporte adaptado en Baiona

Beatriz Mato na entrega de diplomas en Baiona
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe a importancia do deporte adaptado ás persoas con discapacidade como “unha canle para coñecer xente, facer novos compañeiros e amigos, un elemento básico para a saúde, a autonomía e o desenvolvemento persoal, así como para a súa integración”.
Así o indicou Mato na súa intervención na clausura e entrega de diplomas aos participantes das actividades de vela adaptada no Monte Real Club de Iates de Baiona, todos eles con discapacidade intelectual, enmarcada no programa Lecer Activo da Consellería de Traballo e Benestar. Coa realización desta actividade preténdese fomentar a súa autoestima e reforzar as súas potencialidades.
A conselleira indicou que “a participación das persoas con discapacidade en actividades de tempo de lecer, culturais e deportivas segue sendo un importante aspecto de mellora, pola súa importancia tanto na saúde como no desenvolvemento dos procesos de socialización e da personalidade”.
Ata a actualidade, a experiencia levábase a cabo con persoas con discapacidade física e, neste ano por primeira vez, amplíase a persoas con outras tipoloxías de discapacidade, maiormente intelectual, grazas á colaboración desta Consellería coas entidades de iniciativa social mediante convenios de colaboración.
No referente ao departamento autonómico, a actividade física e o deporte foméntase a través da campaña de campamentos de verán. Este ano ofértanse 140 prazas en dous campamentos específicos para mozos e mozas con discapacidade nas instalacións de Gandarío (Bergondo) e Panxón (Nigrán) nos que as actividades náuticas tamén están presentes. Ademais, refórzanse os campamentos ordinarios coa contratación de monitores para que os nenos e nenas con discapacidade poidan participar en igualdade de oportunidades.
Recordo ao presidente do Club
Por último, a conselleira aproveitou para lembrar a Rafael Olmedo, o presidente do Club durante máis de 40 anos e que faleceu o pasado mes de febreiro aos 99 anos. Indicou que o seu legado sigue plenamente vixente e fai do Monte Real Club de Iates un referente deportivo a nivel nacional, o único en toda España en recibir unha distinción especial por parte da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor.











