Benestar explica a nova convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social da Coruña que medra un 40%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Amparo González na Coruña. Foto: M. Fuentes

Amparo González na Coruña. Foto: M. Fuentes

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, mantivo hoxe un encontro coas entidades de iniciativa social da provincia da Coruña para explicarlles a nova convocatoria de axudas que en Galicia medra este ano un 40% con respecto a 2014, ata os 5,2 millóns de euros, o terceiro ano consecutivo no que aumenta o financiamento desta convocatoria.

Amparo González indicoulles que esta convocatoria, parcialmente cofinanciada polo FSE, é, por primeira vez, plurianual, “co obxectivo de dar resposta precisamente ás demandas das propias entidades”. “Así, facilítaselles un prazo maior para executar as súas actuacións, polo que poden mellorar cualitativamente e afondar en actividades que precisan dun recorrido amplo, como poden ser os itinerarios de inclusión sociolaboral, por exemplo”, apuntou a directora. Deste xeito, o período subvencionable estenderase desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 31 de marzo de 2016.

Ademais, destacou que este ano vólvese a garantir que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención, sempre que conten con autorización oficial da Xunta. De feito, do total do orzamento desta orde, reservaranse dous millóns de euros para este fin, un 35 por cento máis que na convocatoria de 2014 (1,5 millóns de euros).

Estas novas medidas únense ás xa incorporadas o pasado ano, como incluír a posibilidade de que as entidades poidan pedir anticipos da subvención para o desenvolvemento das súas actividades de inclusión ou o feito de unir tres liñas de axuda nunha soa convocatoria. En concreto, as antigas ordes de albergues e comedores, programas de inclusión das entidades de iniciativa social, e programas para as persoas inmigrantes. Esta unificación permite unha maior axilidade na tramitación dos expedientes.

Actuacións subvencionables

Estas axudas apoiarán a execución de distintas actuacións. En primeiro lugar, aquelas accións dirixidas á cobertura de necesidades básicas, a través de subvencións aos centros de inclusión e emerxencia social (albergues, centros de acollida, comedores sociais…).

Ademais, tamén se investirá, nun 80% con fondos da Unión europea a través do FSE, en proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos (programas de convivencia alternativa, de fomento da cooperación…); e na atención para a inclusión social e acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social (itinerarios de inclusión sociolaboral, apoio á conciliación…) ou para a poboación inmigrante (mellora das competencias, formación lingüística…).

Doutra banda, préstase atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, subvencionando actuacións en territorios que padezan exclusión territorial severa por causa da dispersión, perda de poboación e/ou dificultades de comunicación.

Por último, cabe destacar que, dentro das accións subvencionables, darase especial relevancia aos procesos vinculados á inclusión social activa, en consonancia co que se recolle na Estratexia para a Inclusión de Galicia 2014-2020, que conta con máis de 300 medidas e un orzamento global de 521 millóns de euros.

17 de xuño de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.