Belén do Campo traslada a Cegasal o apoio á súa labor a prol da inserción laboral

Belén do Campo na reunión con Cegasal
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego á Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais (Cegasal) nunha xuntanza co seu presidente, José Antonio Vázquez, na que resaltou a importancia dos 12 centros especiais de emprego que xestiona a entidade na provincia –dos 17 de toda Galicia- que empregan a máis de 500 persoas con discapacidade.
Do Campo destacou a que a labor que desenvolve Cegasal é esencial para o acceso ao emprego das persoas con discapacidade e o mantemento dos postos de traballo, “vías de vital importancia para a inserción social”, apuntou. A delegada subliñou ademais que a asociación forma parte, desde 2008, da Confederación de Empresarios de Galicia “en completa igualdade co resto de empresas”.
A representante autonómica afirmou que “o compromiso do Executivo autonómico coas persoas con discapacidade é total e absoluto”. Neste senso, sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar incrementou, por segundo ano consecutivo, o orzamento para a discapacidade, alcanzando os 100 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta aumentou un 2% o investimento destinado a centros especiais de emprego. O apoio da administración autonómica a Cegasal desde 2009 supera os 16,5 millóns de euros con axudas destinadas a gastos de funcionamento, contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, así como outras dirixidas a todos os centros que conforman a entidade, ao mantemento dos postos de traballo e para unidades de apoio á actividade profesional. Ademais, a consellería subvenciona a totalidade dos contratos laborais dos traballadores destes centros especiais.
No encontro, Do Campo apelou tamén á responsabilidade social das empresas no tocante a apostar pola contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade co propósito de que se lles ofreza a posibilidade de demostrar as súas capacidades. Neste sentido, Cegasal confórmase como unha asociación multisectorial que está formada por un grupo de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e entidades promovidas por persoas con discapacidade, que integrados na organización, son referentes de cara a defensa, promoción e representación das entidades que proporcionan emprego protexido. As empresas asociadas a Cegasal desenvolven a súa actividade en diversos sectores como a alimentación, a atención socio-sanitaria, o transporte ou actividades no sector agrícola ou gandeiro, entre outros.
A xuntanza de hoxe entre a delegada e Vázquez forma parte da rolda de contactos que a asociación está a levar a cabo con institucións e organizacións para dar a coñecer a labor de Cegasal, así como concienciar da necesidade de facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade.











