Belén do Campo pon en valor o papel do sector da enxeñaría nunha xuntanza coa nova directiva de Ageinco

Belén do Campo na reunión coa directiva de Ageinco
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro esta mañá coa nova directiva da Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría (Ageinco), encabezada polo seu presidente, Fernando López Mera, no que destacou o sector da enxeñaría, consultaría e servizos tecnolóxicos como unha parte activa do novo modelo económico galego, baseado na competitividade e no coñecemento.
Do Campo salientou a importancia deste colectivo no tocante á diversificación da economía que pretende Galicia e que entronca tamén co modelo de Industria 4.0, “porque se dedica a mellorar a produtividade das compañías e ten un grande interese na internacionalización dos seus produtos e dos seus traballos”, comentou. Neste senso, na xuntanza avaliáronse as liñas de traballo conxuntas para continuar impulsando o sector e sinalouse a oportunidade que supón para enxeñarías e consultarías a Axenda da Competitividade de Galicia – Industria 4.0, á que a Xunta destinará 120 millóns en dous anos. “Para reinventar a industria galega cun modelo máis competitivo -indicou a representante do Goberno galego na provincia- será fundamental a labor das empresas do sector, achegando servizos de alto valor engadido á industria e ás pemes galegas”.
A delegada territorial fixo tamén fincapé na importancia da colaboración e cooperación para abordar os retos futuros “xa que estamos a falar de empresas que teñen moito que dicir no novo patrón de crecemento que entre todos estamos a construír”, reiterou. Como proba deste potencial, Do Campo lembrou os últimos avances acadados no sector naval, concretamente desde os estaleiros de Navantia en Ferrol, que asinou hai varias semanas un contrato co Goberno de Turquía para o deseño e construción dun buque anfibio do que participa como socio tecnolóxico, o que supón un acordo de enxeñaría de 100 millóns de euros. “Pero non esquezamos que falar de enxeñaría é falar tamén de infraestruturas”, expresou Do Campo, quen destacou obras realizadas recentemente na nosa provincia como o tren de alta velocidade ou o viaduto de Noia.











