Belén do Campo apoia a labor de Amicos para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade do Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na reunión con Amicos

Belén do Campo na reunión con Amicos

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, reuniuse esta mañá na Coruña coa presidenta da asociación Amicos, Esther Vidal, e o director xeral da entidade, Xoán España, para coñecer de primeira man a labor da organización, que desenvolve a súa actividade na comarca do Barbanza, e as súas necesidades actuais.

Amicos é una asociación sen ánimo de lucro que traballa para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise e dano cerebral que tamén presta axuda ás súas familias, a través de servizos como a unidade de atención temperá e o centro de educación especial de Ribeira, así como a unidade de formación pre-laboral, e os centros de día, ocupacional e residencial de Boiro. Do Campo afirmou que “a comarca do Barbanza ten a gran sorte de contar cunha asociación destas características que contribúe a crear unha sociedade máis igualitaria, inclusiva e integradora”.

Pola súa banda, os responsables da entidade trasladáronlle á delegada algunhas das súas peticións para continuar a desenvolver a súa labor nas mellores condicións posibles, como a a concertación dunha nova unidade de educación especial para nenos con autismo e máis prazas nos centros residencial e ocupacional, así como axudas para o transporte escolar. Neste senso, Do Campo comprometeuse a estudalas e a traballar intensamente para darlles solución no menor prazo de tempo posible.

A responsable autonómica recordou que, “nun momento de dificultade económica, a Xunta de Galicia amósase sensible cos colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade, pois entende que entidades como Amicos constitúen un piar básico para mellorar o seu benestar”. Neste sentido, a Consellería de Traballo e Benestar destina cada ano arredor de 600.000 euros a esta asociación para o concerto de 54 prazas para persoas con discapacidade, case 80.000 euros para cooperación e máis de 30.000 destinados ao fomento da contratación e ao mantemento do seu centro de emprego.

8 de xuño de 2015 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.