Baiona acolle o Campionato de España Clase 2.4mR de Vela Adaptada este fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Monte Real Club de Iates organiza este fin de semana en Baiona, co patrocinio de Vitaldent, o Campionato de España Clase 2.4mR de Vela Adaptada. É o terceiro ano que o club baionés acolle unha proba destas características, unha experiencia valorada pola clase 2.4mR á hora de encargarlle a organización do evento.

Serán tres días de competición nos que regatistas chegados de distintos puntos de España, con e sen discapacidades, competirán en igualdade de condicións. O campionato empezará este mesmo venres cunha regata de adestramento previa ás probas puntuables, que se celebrarán o fin de semana a partir do mediodía. O broche final porao a entrega de premios aos gañadores, o domingo ao cinco da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Iates.

Un dos favoritos para facerse coa vitoria é o regatista de Xábia de 24 anos, Rafa Andarias, actual campión español, que pelexará por conseguir o seu quinto título nacional. Defendendo a bandeira galega estarán catro deportistas galegos, entre os que se atopa o regatista do equipo preolímpico Fran Piñeiro.

Neste campionato os deportistas xóganse, polo menos, unha praza para asistir ao mundial que se celebrará o próximo mes de decembro en Australia. Será alí onde os regatistas españois tratarán de conseguir a clasificación de España para as paralimpiadas. 

19 de xuño de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.