publicidade hoxe

Bádminton, sendeirismo, cociña e un obradoiro de adestramento de cans en “Venres en Sansa!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O programa de lecer alternativo para a mocidade “Venres en Sansa!” completará este venres o seu calendario de tres xornadas ofrecendo de novo catro opcións coas que encher o tempo dun xeito diferente. A partir as 21h. desenvolveranse simultaneamente os de bádminton e o de adestramento canino, mentres que entre as 23.15h. e a 1 da mañá está previsto levar a cabo a última sesión de cociña e unha ruta de sendeirismo seguindo o rego do Aceiteiro.”Venres en Sansa!” é un proxecto piloto co que se pretenden pulsar os intereses da xuventude de cara a establecer unha oferta anual estable específica para este sector da poboación que supón o 18% do municipio.

O Concello fará balance trala experiencia de cara a ver cales son as actividades que mellor funcionaron e tamén cales se poden propoñer para o futuro, habida conta de que os “Venres en Sansa!” están sendo tanto unha fórmula de lecer alternativo como un punto de recollida doutras demandas e intereses da mocidade. A oferta do programa deseñouse partindo dunha enquisa dirixida a persoas de entre 12 e 35 anos, o público obxectivo das accións que o Concello vai poñer en marcha pensando non só no lecer, senón tamén na formación e nunha maior participación xuvenil na vida pública e no tecido social. Medidas que se concretarán unha vez que establecidas as áreas do goberno local, que prevé a creación duna área de Xuventude. 

Porén, para a celebración do pleno de organización do Concello aínda faltan uns días -seguramente se convoque para o 27 deste mes- e o que cómpre agora é falar do programa para a noite deste venres 19 de xuño, último “Venres en Sansa!”. As dúas primeiras actividades -21 a 23 h.- son unha clase de introdución ao bádminton no pavillón do colexio e un obradoiro de adestramento canino xusto ao pé do ximnasio. Dúas opcións atraentes aínda que, se cadra, foi a dos cans a que ergueu maior expectación. Tanta, que as prazas se esgotaron case ao momento de abrir a inscrición. Aínda así, quen queira pode acudir como público -sen can- para seguir as explicacións de Iago Ricoy, un experto adestrador e responsable da empresa Lobos de Naraío. 

A segunda parte da noite, das 23.15h. á 1 da mañá, estará ocupada pola terceira sesión de cociña que se vén impartindo desde o primeiro venres de mes no patio cuberto do colexio e, ademais, por unha interesante ruta de sendeirismo nocturno que partirá tamén do centro educativo con destino aos muíños do Aceiteiro. É un percorrido doado aberto a todas as idades para o que se ofreceron 40 prazas. Só será necesario levar calzado e roupa axeitada e, ademais, un foco ou lanterna frontal. 

18 de xuño de 2015 | 20:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.