Avance das obras de creación da nova praza pública de Soandres
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil de Urbanismo, comprobaron esta mañá persoalmente o avance das obras de creación da nova praza pública de Soandres que se está a construír nas inmediacións do mosteiro de San Pedro, é dicir, na zona que é o principal punto de reunión dos veciños desta parroquia, lugar de celebración das festas e un dos puntos turísticos de referencia na zona interior do municipio.
O proxecto que se está executando ten por esencial obxectivo poñer en valor, humanizar, embelecer e facer máis funcional este amplo espazo que alcanza unha superficie total duns catro mil metros cadrados. Suporá un investimento de 220.000 euros que financiará integramente o Concello da Laracha con fondos propios municipais
A praza estase acondicionando tendo en conta dúas premisas esenciais: crear un amplo espazo público que, polas súas características e situación, poida ser empregado para diversidade de usos de interese comunitario, pero sempre respectando a protección patrimonal deste ámbito emprazado nas inmediacións dun dos conxuntos arquitectónicos –o mosteiro de San Pedro de Soandres e a casa reitoral anexa- de maior relevancia e importancia histórica da comarca de Bergantiños.
O ámbito disporá de zonas verdes –que contarán con diversa vexetación e árbores autóctonos-, un percorrido peatonal perimetral e unha área libre de celosía de céspede que se destinará a aparcadoiro de vehículos a maior parte do ano e a albergar os eventos festivos nas datas nas que se celebren. O trazado deste último ámbito responde a criterios de máximo aproveitamento das prazas de estacionamento e á comodidade e amplitude á hora do desenvolvemento dos actos multitudinarios.
Por tanto, a nova praza quedará perfectamente integrada no entorno no que se sitúa e garantirá a seguridade viaria ao ter claramente diferenciadas as áreas de circulación peonil e as rodadas, tendo ambas conexión directa coa estrada que dirixe ao convento e adaptándose á topografía do terreo.
Como servizos destacables, realizaranse as correspondentes melloras na rede de saneamento e abastecemento de auga, quedarán instalados tanto o rego por aspersión como a canalización eléctrica soterrada para a iluminación pública e dotarase á zona co correspondente mobiliario urbano.
Esta actuación estase desenvolvendo simultaneamente ao proxecto de restauración do mosteiro de San Pedro que promove e financia a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxectivo de resolver determinados problemas de humidades, mellorando a ventilación da emblemática edificación.
Entre os dous proxectos –o que promove o Concello da Laracha coa creación da praza e o que realiza a Xunta de Galicia no mosteiro- o investimento público que se está a realizar neste punto da parroquia de Soandres sitúase en torno aos 400.000 euros.











