Autorízase o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova dun treito de 500 metros da rúa da Feira
O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o cambio de titularidade a prol do concello dun treito da estrada da Pontenova a Augaxosa. Trátase dun tramo da vía LU-P 4803 de pouco máis de 5000 metros, que vai dende o seu inicio (punto quilométrico 0+000) ao p.q. 0+439 e que discorre integramente por este concello da provincia de Lugo.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente exerce as súas competencias de tramitación e dálle o visto e prace á solicitude de transferencia formulado polo municipio á Deputación de Lugo. A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, así como de elementos funcionais e espazos da zona de dominio público adxacente, como é o caso destas parcelas, deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en estradas.
En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Pontenova deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade.
A entrega deste treito de estrada deberá formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no DOG, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Serán competencia do Concello da Pontenova, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.